Tarde de graduacións no campus

Pontevedra
15 de xuño 2024

O Teatro Principal, a Deputación e a Facultade de Dirección e Xestión Pública acolleron as gradacións de 112 alumnos do campus que remataron os seus estudos

Román Rodríguez, conselleiro de Educación, con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra Xunta de Galicia

Xornada de nervios e de festexos a que se vive este venres en Pontevedra con motivo de diversos actos de gradación que suponen la despedida á etapa universitaria.

Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, coincidía co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e coa vicerreitora en Pontevedra da Universidade de Vigo, Eva María Lantarón, no acto de gradación da décimo quinta promoción de estudantes de Dirección e Xestión Pública do campus pontevedrés.

O conselleiro exerceu de padriño desta promoción formada por trinta estudantes e agradeceu ás familias o esforzo mostrado durante estes anos.

Dirección e Xestión Pública conta con once integrantes da primeira promoción da modalidade virtual deste grao, a única que existe no sistema universitario galego e que tamén recibían o seu recoñecemento.

Ignacio Fernández foi o padriño académico da modalidade presencial mentres que Victoria Canoura foi a madriña do alumnado virtual.

A Escola Universitaria de Enfermería, centro adscrito á Universidade de Vigo, tamén celebraba o acto de despedida de 39 tituladas e cinco titulados da décimo primeira promoción do grao; ademais de tres egresados no curso ponte. Este ano cúmprese medio século da creación por parte da Deputación da antiga Escola de Axudantes Técnicos Sanitarios da Cruz Vermella que foi o xerme da actual Escola de Enfermería.

Irene Garay e Julio Diz exerceron como madriña e padriño da promoción durante o acto celebrado no Pazo Provincial. A graduada Vanesa Olga Grandal foi a encargada de ler a última lección do curso centrada en salvar vidas en incidentes acuáticos.

No Teatro Principal desenvolvíase tamén esta tarde o acto da XV promoción do Grao en Comunicación Audiovisual. Como madriña e padriño académicos exerceron Diana Ramahí e Oswaldo García.

O venres 21 de xuño continuarán os actos coa gradación de alumnado de Fisioterapia e xa o venres 28 a Facultade de Ciencias da Educación e do Deportes acollerá a 240 estudantes dos tres graos que se imparten neste centro.