Tamén setembro marca record de ocupación hoteleira nas Rías Baixas

Pontevedra
07 de outubro 2016

Foi o mellor verán turístico para o destino Rías Baixas desde que hai rexistros. Mantivo unha ocupación entre xuño e setembro próxima ó 80%

Turistas en Pontevedra PontevedraViva

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, fixo balance do "mellor verán para as Rías Baixas". Informou que durante o mes de setembro, o mellor dos últimos dez anos, a ocupación hoteleira na provincia foi do 73,4%, "moi superior ás nosas propias estimacións que prevían unha media de entre o 56 e o 60%", e durante todo o verán próxima ó 80%.

No caso de Pontevedra, a media foi do 82% e no Salnés tivo unha ocupación do 70% no mes de setembro.

Respecto ao turismo rural, a ocupación acadou o 35%, superior ós resultados de xuño.

Os turistas que chegaron a Rías Baixas en setembro fixérono motivados pola súa cultura (31%) e pola oferta de ocio en xeral (23%).

A presidenta da Deputación incidiu que durante todo o verán, entre xuño e setembro, a ocupación hoteleira superou o 78,15% fronte ó 62% que estimaba Turismo Rías Baixas.

Ademáis chegaron ata as oficinas de turismo da Deputación 80.000 persoas sendo a do Palacete das Mendoza, en Pontevedra, a oficina co maior número de visitantes, cunha media mensual que supera os 5.000 turistas, seguida das oficinas do Grove, Aeroporto de Peinador, Vilagarcía de Arousa, Sanxenxo, Cangas, Illa de Arousa e Mosteiro de Armenteira.

Carmela Silva manifestou a súa satisfacción por ser, este verán, Rías Baixas unha das áreas turísticas co maior incremento de turistas do noso país. De feito, a presidenta da Deputación subliñou que este verán rexistrou os mellores datos de crecemento desde que o Instituto Nacional de Estatística (INE) ten rexistros. Segundo este instituto, o número de viaxeiros medrou nas Rías Baixas en verán un 31% fronte ó 2015, moi por riba do crecemento de toda a comunidade autónoma galega, que está no 27%.

No que levamos de 2016 rexistráronse na provincia 2,1 millóns de pernoctas, un 11% máis que en 2015, e chegaron ata Rías Baixas 900.000 viaxeiros, o que supón o 30% dos turistas que chegan a Galicia. Tamén se incrementou a chegada de turistas estranxeiros ata o 31%.