Susto en Pontesa ao reactivarse un pequeno lume horas despois de darse por controlado

Pontevedra
07 de novembro 2022

Fontes oficiais dos bombeiros de Pontevedra confirmaron que a media tarde tiveron que acudir de novo a estas instalacións industriais da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio por un pequeno lume que se reactivou. Matizan que desprazaron ata alí "máis a nivel preventivo" que por que fose unha incidencia en si

Pequeno lume reactivado na tarde do luns en Pontesa PontevedraViva

O incendio declarado na tarde do domingo nas instalacións da antiga fábrica de cerámica de Pontesa segue dando pequenos sustos. Na tarde do domingo controlouse e, pouco despois, reactivouse e expandiuse sen control. Este luns, de novo, horas despois de que se dese por controlado, volveu reactivarse, aínda que con moita menos virulencia e gravidade. 

Fontes oficiais dos bombeiros de Pontevedra confirmaron que a media tarde tiveron que acudir de novo a estas instalacións industriais da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio por un pequeno lume que se reactivou. 

Con todo, os propios integrantes do equipo de extinción xa confirmaron tamén á escasa gravidade do ocorrido. Desprazáronse ata alí "máis a nivel preventivo" que por que fose unha incidencia en si. 

O pequeno foco reactivado xerou alarma na contorna porque empezou a saír unha nube de fume do recinto e os veciños empezaron a escoitar, de novo, sirenas. Con todo, finalmente, todo quedou nun susto. 

No incendio resultaron feridas tres persoas, dous operarios da empresa Grupo Nogar, a inquilina desta nave de almacenaxe de sementes, e un bombeiro que participaba nos traballos de extinción. Dous deles, un dos operarios e o bombeiro, sufriron feridas leves.

O máis grave é o segundo traballador da empresa, un home de 59 anos que, tras ser trasladado ao Hospital Montecelo, tivo que ser derivado á unidade de queimados do ComplexoHospitalario Universitario da Coruña, ante a gravidade das súas queimaduras.

O seu estado é "moi grave", segundo fontes hospitalarias. Ten queimaduras de terceiro grao no 85% do seu corpo, que están a ser tratadas polos especialistas do hospital coruñés. A vítima é Benito González Dopazo, traballador do Grupo Nogar e concelleiro do PSdeG-PSOE en Marín.

O lume iniciouse sobre as 15.15 horas do domingo e, aínda que inicialmente deuse por controlado, volveu reavivarse sobre as 18.00 horas e as tarefas dos bombeiros de Pontevedra, que estiveron auxiliados por efectivos dos parques comarcais de Bueu e Ribadumia, prolongáronse durante toda a noite. Durante a mañá, continuaron tarefas de control e deuse por controlado. 

As tarefas de extinción complicáronse ante a grande cantidade de cereal que había no interior da nave. Trátase dun material que, por acumulación de gases e po, pode combustionar con certa facilidade e iso foi o que complicou o incendio e a súa extinción. 

Arquivado en