Suspendido o concurso de contratación do servizo de limpeza dos hospitais de Pontevedra

Pontevedra
08 de febreiro 2024

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) ven de estimar un recurso presentado por Comisións Obreiras contra os pregos de contratación do servizo de limpeza dos hospitais de Pontevedra accedendo a adoptar a suspensión cautelar da contratación deste servizo, solicitada polo sindicato  

Rolda de prensa do persoal de Acciona no servizo de limpeza dos hospitais de Pontevedra con CC.OO. PontevedraViva

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia (TACGal) ven de estimar un recurso presentado por Comisións Obreiras contra os pregos de contratación do servizo de limpeza dos hospitais de Pontevedra accedendo a adoptar a suspensión cautelar da contratación deste servizo, solicitada polo sindicato.

O Servizo Galego de Saúde procedeu a publicar os pregos de contratación do servizo por un importe económico de 11.636.650,46 euros para a prestación do servizo en dous anos para a realización da limpeza do Hospital Montecelo e do Hospital Provincial, afectando este concurso a 78 traballadores do Hospital Montecelo e a 60 do Hospital Provincial.

Segundo informa o secretario de organización de CC.OO. Pontevedra, José Luis García Pedrosa, este sindicato presentou recurso contra os pregos "por considerar que non cumpren doadamente a normativa comunitaria e española sobre contratación de servizos públicos no relativo a determinados dereitos laborais e sociais".

Asegura Pedrosa que "os pregos non garanten a obrigatoriedade do cumprimento por parte da empresa adxudicataria de todas as normas laborais de aplicación" como o convenio estatal de limpeza de edificios e locais, convenio colectivo da empresa, estatuto dos traballadores e os acordos da mesa sectorial do persoal estatutario (por ser de aplicación a equiparación salarial e de condicions de traballo).

"Tampouco garanten a subrogación de todo o persoal que actualmente presta servizos; concedenlle a empresa adxudicataria a modificación de condicions de traballo sin respectar o establecido no convenio colectivo de empresa; non obriga a realizar a formación continua dos traballadores na súa xornada laboral (como establece o estatuto dos traballadores)", sinala José Luis García Pedrosa.

Ademais o secretario de organización de CC.OO. Pontevedra asegura que o prego non establece penalidades administrativas suficientes en caso de incumprimento da empresa adxudicataria das condicións de traballo, "tal e como sucede na actualidade con Acciona", nin fixa como causa de extinción do contrato os incumprimentos reiterados co persoal do plantel, entre outras cuestións que foron recurridas por CC.OO.