Suspenden a administración da vacina AstraZeneca en España durante 15 días

Pontevedra
15 de marzo 2021
Actualizado: 20:25

 A suspensión tamén se produce en Italia, Francia e Alemaña para estudar os casos de trombose detectados. A Consellería de Sanidade realizaba durante este sábado unha vacinación masiva con este medicamento ao convocar a 1.700 persoas no Recinto Feiral de Pontevedra con idades comprendidas entre os 49 e os 55 anos e a 500 en Vilagarcía de Arousa

Vacina AstraZeneca na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés Consellería de Sanidade

O Consello Interterritorial de Sanidade deste luns trasladaba ás comunidades autónomas a suspensión durante 15 días a administración da vacina AstraZeneca. Desta forma, España súmase á decisión adoptada tamén durante as últimas horas por Alemaña, Italia e Francia. 

Trátase dunha suspensión cautelar e preventiva para analizar a posible relación entre a administración deste medicamento para facer fronte ao coronavirus e os ao redor de trinta casos de tromboses que xurdiron en diferentes países de Europa en pacientes aos que se inoculara. Carolina Darias, ministra de Sanidade, indicaba na tarde deste luns que se ofrece esta marxe para que o comité de avaliación analice estes episodios trombóticos producidos durante esta fin de semana. Segundo a ministra son casos pouco frecuentes dunha trombose moi específica e quérense avaliar os riscos asociados ao medicamento.

Na Unión Europea administráronse sobre cinco millóns de doses. Precisamente, durante este sábado, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés realizaba unha vacinación masiva con  AstraZeneca. 1.700 persoas con idades comprendidas entre os 49 e os 55 anos eran citadas para acudir ao Recinto Feiral da capital do Lérez mentres que en Fexdega estaba prevista a vacinación de 500 persoas. Destas 2.200 persoas convocadas en Pontevedra e no Salnés acudiron a inocularse máis do 70%, segundo datos do Servizo Galego de Saúde.

Precisamente, o Conselleiro de Sanidade Julio García Comesaña, acompañado polo alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e polo xerente da área José Ramón Gómez acudía ata o Recinto Feiral durante o sábado para seguir o desenvolvemento da xornada. Esta convocatoria de vacinación masiva debería repetirse en doce semanas para a administración dunha segunda dose. Tamén nas últimas semanas administrouse AstraZeneca ao profesorado menor de 55 anos.

Nas últimas xornadas, países como Austria, Noruega, Dinamarca, Estonia, Lituania, Letonia, Islandia, Luxemburgo, Bulgaria, Romanía e Tailandia decidiran suspender a aplicación das doses desta vacina. Tamén en España, as comunidades autónomas de Asturias, Andalucía, Canarias e Castela e Léon retiveran viais da partida de AstraZeneca que se relacionou con episodios  trombóticos. En Galicia, pola contra, decidiuse continuar coa súa aplicación ata este luns.

A Xunta de Galicia tamén anunciaba ás 20.19 horas deste luns que se suspende cautelarmente a administración da vacina de AstraZeneca. Nun comunicado sinala que segue asi a indicación do Ministerio de Sanidade que anunciou a sua suspensión por un principio de prudencia. A Conselleria de Sanidade indica tamén que lembra que o sistema de trazabilidade permite identificar a vacina administrada coa persoa vacinada. Ata o momento, segundo a Consellería, non se producíu en Galicia ningún caso de reacción adversa grave.

O presidente da Xunta de Galicia sinalou que lamenta esta situación porque se atopaba lanzada a campaña de vacinación en Galicia entre menores de 55 e maiores de 80. Agora con esta decisión só se centrarán nos maiores de 80. Afirma que non hai mensaxe de preocupación coa información que a Xunta ten ata o dagora, se houbese algunha mensaxe de preocupación, indica Alberto Núñez Feijóo, "seriamos os primeiros en difundilas". Asegura que a administración autonómica estará moi pendente por se é necesaria algunha actuación clínica nos vindeiros días.