Aproban un suplemento de crédito para pagar 172.000 euros de axudas a asociacións de Bueu

Bueu
21 de novembro 2024

En sesión plenaria extraordinaria, a corporación aprobou por unanimidade o suplemento de crédito de 128.021 euros para conceder as subvencións a 26 colectivos culturais, deportivos e sociais

Aprobación do suplemento de crédito no pleno de Bueu Concello de Bueu

O Concello de Bueu aprobou por unanimidade un suplemento de crédito de 128.021,60 euros para facer fronte ás subvencións culturais e deportivas, que suman un total de 172.000 euros.

Esta decisión foi tomada durante o pleno extraordinario celebrado o xoves 21 de novembro.

Das 26 subvencións concendidas, as máis elevadas corresponden ao equipo deportivo do Bueu Atlético Balonmán, que recibirá 24.000 euros, e á Asociación Ficbueu, con 18.000 euros, organizadora do festival de curtametraxes homónimo.

Pola súa banda, as subvencións de cifras máis reducidas serán para o Náutico Beluso, con 1.000 euros; a Asociación Cultural Novos Ventos, con 750 euros; e a Anpa Alborada, que recibirá 650 euros.

O concelleiro de Facenda e Subvencións, Xosé Leal, explicou que o suplemento provén da participación do Concello de Bueu nos tributos do Estado e busca solucionar o atraso acumulado nos últimos dous anos.

As axudas nominativas aprobadas permitirán normalizar a situación, mentres que nas seguintes anualidades se retomará a convocatoria de axudas por concorrencia competitiva, segundo defende o goberno local.

Durante o pleno, Elena Estévez, voceira do grupo municipal do Partido Popular, criticou o atraso reiterado nas subvencións e instou o goberno local a garantir o apoio económico aos colectivos.

O alcalde, Félix Juncal, pechou o debate insistindo en que estas axudas resolverán o atraso de dúas convocatorias e abren unha nova etapa para o Concello.