Sumar reclama desde Cambados un modelo que "non explote como negocio" os coidados aos maiores

O Salnés
23 de xaneiro 2024

O actual modelo que segue Galicia, sostivo Marta Lois, "está claramente vinculado á mercantilización e a facer dos coidados un negocio", polo que Sumar defende "ir en contra desa idea" e apostar por un sistema público dos coidados

Marta Lois e Ramón Sarmiento con usuarios da residencia de Montesacro en Cambados Sumar Galicia

A candidata de Sumar á presidencia da Xunta de Galicia, Marta Lois, reivindicou este martes a necesidade de que Galicia impulse un modelo de coidados que "non explote como negocio" o benestar das persoas maiores.

Durante unha visita a Cambados, onde a súa actual residencia de anciáns -que ocupa un histórico pazo do século XVIII- está en venda, Lois apostou por impulsar políticas "valentes e transformadoras" no ámbito da dependencia.

Galicia, segundo a candidata de Sumar, é a comunidade española cunha maior porcentaxe de residencias privatizadas e ten o cociente máis baixo de número de residencias por habitantes, unha tendencia que esta coalición quere "reverter".

O actual modelo que segue Galicia, sostivo Marta Lois, "está claramente vinculado á mercantilización e a facer dos coidados un negocio", polo que Sumar defende "ir en contra desa idea" e apostar por un sistema público dos coidados.

A atención aos dependentes é a "terceira pata" do estado do benestar, apuntou a candidata de Sumar, xunto coa sanidade e a educación, polo que Lois defende a necesidade de construír máis residencias públicas e "orientar" esta política cara a unha maior proximidade.

A este respecto, Sumar propón combinar de maneira "vangardista" centros onde se atendan a nenos e maiores, creando espazos interxeracionais "que acaben cos estereotipos" e permitan combater a "soidade forzada" dos anciáns.

Na súa aposta por centros "máis integradores e amables", Marta Lois propuxo impulsar un modelo de "microrresidencias", centros de pequeno tamaño afastados das grandes compañías do sector, de forma que haxa como mínimo una por cada 100.000 habitantes.

"Tras catorce anos de deixamento hai que reverter a situación", sentenciou Lois, que considera que se os galegos "votan como o 23X" haberá en Galicia un "cambio histórico" que permitirá defender ás persoas que máis o necesitan.

Arquivado en