Substitúen dúas tubaxes que provocaron o afundimento dunha estrada en Bordóns

Sanxenxo
29 de xuño 2020

O concelleiro de Servizos, Óscar Vilar, supervisou o avance dos traballos que se prevé que conclúan a finais desta mesma semana e que contan cun orzamento de 12.000 euros. A obra céntrase en dous puntos do vial no que se substitúen máis de 30 metros de tubaxe e na reparación posterior do firme

Obras en Bordóns Concello de Sanxenxo

Dúas tubaxes de augas pluviais que provocaron problemas de seguridade viaria en Bordóns serán substituídas para mellorar o firme na estrada do Sear.

O mal estado das canalizacións de pluviais provocou filtracións e perforacións no asfalto, supoñendo un grave risco para o tráfico de vehículos.

O concelleiro de Servizos, Óscar Vilar, supervisou o avance dos traballos que se prevé que conclúan a finais desta mesma semana e que contan cun orzamento de 12.000 euros. 

A obra céntrase en dous puntos do vial no que se substitúen máis de 30 metros de tubaxe e na reparación posterior do firme.

Nun dos tramos nos que se está actuando, os traballos obrigaron a cortar o vial ao tráfico rodado xa que se trata dun punto no que é preciso actuar a máis de tres metros de profundidade e no que existe un armazón de tubaxes de saneamento que esixe actuar con maior precisión para evitar danos.

Con esta obra, que se atrasou pola alerta sanitaria, poñerase fin aos problemas de filtracións e afundimentos do firme nestes dous puntos do vial que é moi utilizado polos veciños de Bordóns e das proximidades.