Inditex iniciou este xoves as negociacións para acometer o peche da tenda Massimo Dutti situada na rúa Benito Corbal de Pontevedra.
A primeira xuntanza, celebrada esta mañá en Vigo entre representantes da empresa e o comité de traballadores, terá continuidade o vindeiro martes 14.
A multinacional presentou o expediente de peche citando dous motivos principais: un descenso progresivo nas vendas e, principalmente, a suba do contrato de aluguer do local onde se atopa situada a tenda no centro da cidade, segundo indicaron os representantes da empresa durante a negociación.
Segundo explicou Raquel Martí, delegada da CIG, a decisión afecta a 17 traballadores, algúns con máis de 25 anos de antigüidade.
O establecemento, que ocupa dúas plantas nunha das zonas comerciais máis emblemáticas da cidade, cesará a súa actividade o vindeiro sábado 25 de xaneiro.
A empresa comunicou a súa intención de reubicar a todo o persoal noutras tendas da provincia de Pontevedra, aínda que os sindicatos esixirán que as recolocacións se realicen especificamente na cidade.
Este peche súmase a outros recentes peches de Inditex na cidade, como as tendas de Uterqüe e Bershka.
Casualmente, a decisión tamén se produce meses despois de que se paralizara o proxecto dun gran centro comercial de Zara, que a empresa planeaba no edificio situado entre as rúas Michelena e Gutiérrez Mellado.