Stuttgart, Ámsterdam e Dublín miran cara o modelo urbano de Pontevedra

Pontevedra
20 de xaneiro 2019

Os ecos do modelo urbano de Pontevedra chegaron a Alemaña. Por primeira vez, unha localidade do país bávaro puxo os seus ollos sobre a Boa Vila. Trátase de Stuttgart, que convidou ao alcalde para que explique a súa transformación urbana. Tamén se interesaron, entre outras, Ámsterdam, Dublín, Xenebra ou Oslo

Cidadáns paseando por Benito Corbal Mónica Patxot

Os ecos do modelo urbano de Pontevedra chegaron a Alemaña. Por primeira vez, unha localidade do país bávaro puxo os seus ollos sobre a Boa Vila. Trátase de Stuttgart, que cos seus máis de 628.000 habitantes é a cidade máis grande da rexión de Baden- Wurtemberg e a sexta de Alemaña.

Os seus responsables convidaron ao alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, a participar nun congreso sobre transformacións urbanas, que se celebrará o próximo 12 de abril.

Stuttgart ten, desde hai xa sete anos, un alcalde ecoloxista que se marcou como meta desenvolver a súa cidade desde unha perspectiva máis humana e sustentable. Están preocupados, segundo explica o parlamentario estatal Jürgen Walter, pola súa elevada contaminación atmosférica e pola súa actual configuración urbana, que prioriza os coches sobre as persoas.

De Pontevedra queren coñecer, buscando exemplos de mobilidade amable, como foi o seu proceso de transformación, ao entender que para eles resulta "inspirador" que se convertera nunha cidade "sen coches" onde reina o peón.

Antes, do 13 ao 15 de febreiro, será Ámsterdam a cidade onde se oirá falar de Pontevedra. Será no marco dun encontro internacional sobre a redución do tráfico de vehículos, un ámbito sobre o que a capital holandesa desexa avanzar nos próximos anos.

A súa directora de Mobilidade, Esseline Schieven, convidou ao alcalde da cidade do Lérez para que explique os detalles da estratexia urbana aplicada en Pontevedra, centrada na redución do tráfico motorizado e na prioridade dos desprazamentos peonís.

O terceiro gran convite que chegou á Alcaldía nas últimas semanas chega desde Dublín. A eurodeputada do Sinn Feinn Lynn Boylan, a través dun dos seus asesores, convidou a Pontevedra a participar en febreiro nun ciclo de conferencias sobre transporte e urbanismo.

Están interesados, segundo a comunicación recibida no Concello, en que Pontevedra presente o seu modelo de redución da circulación dos coches, para poder expandilo cara ás cidades irlandesas.

Os gastos que xeren estes tres viaxes, aclaran desde as respectivas organizacións, correrán a cargo das cidades que celebran estes encontros.

OUTRAS INVITACIÓNS

Ademais, o Concello recibiu outras invitacións que se están analizando. Unha delas, na localidade suíza de Xenebra, sería en maio para participar nunha xornada sobre mobilidade e o seu impacto sobre os aparcadoiros.

Tamén reclaman a presenza de Pontevedra en Oslo, a capital de Noruega; ou en Morelia, a capital do estado mexicano de Michoacán, que está a organizar un congreso sobre mobilidade peonil nas cidades. Ambas as citas son a finais de maio.

A todas elas súmanse a visita prevista a Pontevedra por membros do goberno municipal de Roskilde (Dinamarca), que virán a mediados de marzo; e a petición similar que chegou desde a localidade italiana de Ruvo de Plugia.