Staffan Mörling, o mozo sueco de Ons, homenaxeado polos seus veciños de Bueu

Bueu
19 de xullo 2020

Os seus veciños quixeron renderlle unha homenaxe poucas semanas despois do seu falecemento e, como colofón á Semana da Cultura Mariñeira, lembrouse a súa figura nun acto no estaleiro da Banda do Río coa participación de Xurxo Souto e a actuación da Banda de Gaitas Manxadoira de Bueu  

Homenaxe en Bueu a Staffan Mörling Cristina Saiz

Staffan Mörling, coñecido como 'o mozo sueco de Ons' desde que na década dos anos 60 chegou á Illa de Ons, foi este domingo o gran protagonista da xornada en Bueu. Os seus veciños quixeron renderlle unha homenaxe poucas semanas despois do seu falecemento e, como colofón á Semana da Cultura Mariñeira, lembrouse a súa figura nun acto no estaleiro da Banda do Río.

Antropólogo de profesión, comezou a súa historia de amor coas xentes e as dornas da Illa de Ons nos anos 60 e mantívoa ata o seu falecemento o pasado mes de maio. Ao seu carón tivo sempre ao outro amor da súa vida, Josefa Otero, a súa muller e natural da Illa.

Xunto á súa muller, Mörling publicou varios ensaios e traballos sobre as embarcacións tradicionais e esta homenaxe que organizou o Concello e contou coa participación de Xurxo Souto e a actuación da Banda de Gaitas Manxadoira de Bueu amosou que a súa pegada en Bueu perdurará para sempre. 

A homenaxe serviu para lembrar esta historia e tamén o seu traballo, pois foi dunha das persoas que máis traballou a prol da divulgación e recuperación das embarcacións tradicionais en toda Galicia e, de forma especial, na Illa de Ons.

Non é a primeira homenaxe que lle rendeu Bueu, pois, aínda en vida, no ano 2006, o Concello de Bueu declarou Fillo Adoptivo da vila apreciando todo o traballo desenvolvido en relación coa cultura mariñeira. E en 2012, o nome de Staffan Mörling pasou a formar parte do rueiro de Bueu, na coñecida popularmente como a Rúa dos Institutos.

En 2015 o Concello tamén lle rendeu unha homenaxe na que o propio Staffan Mörling estivo presente, acompañado de familiares e amizades, para descubrir a placa da rúa de quen puxo o nome da  Illa, de Bueu e de Galicia no mapa das máis prestixiosas publicacións científicas