O Concello de Soutomaior volveu enviar á Xunta de Galicia un requirimento para que abra a pasarela da Montesiña que continúa precintada a pesar de que as obras leven terminadas desde o mes de xuño.
Esta pasarela peonil está situada entre Arcade e Soutomaior e tivo que pecharse hai anos pola deterioración da anterior infraestrutura.
Esta administración local advirte do risco que conleva para as persoas o tráfico da estrada PO-244; non só para adultos, senón tamén para os menores que teñen que acceder ata o centro escolar e as instalacións deportivas municipais próximas a esta pasarela en cuestión.
"A máxima preocupación que temos é a de garantir a seguridade viaria de toda a veciñanza que, a pé ou en coche, pasa cada día por este punto", apunta o alcalde, Manu Lourenzo.
Este último é o terceiro requirimento que envía á administración autonómica o Concello de Soutomaior, os anteriores demandando unha pronta conclusión das obras e a súa reapertura.
O alcalde recalca varias circunstancias para insistir nesta demanda: a celebración de varios eventos deportivos tanto no centro educativo como nas instalacións deportivas e que desde este venres 2 de agosto celebrarase a I Semana Grande de Soutomaior, co que a afluencia de vehículos e viandantes será masiva.