Un polígono empresarial para naves de dimensións medias e integradas na paisaxe. Ese é o espírito do proxecto que impulsa o goberno municipal de Soutomaior. Queren crear un 'ecoparque' comercial e empresarial na área da Montesiña.
"Suporá un antes e un despois para a vida en Soutomaior", destacou o alcalde, Manu Lourenzo, que subliña que será unha área empresarial rodeada de zonas verdes e instalacións deportivas "que está chamada a ser núcleo de progreso e de desenvolvemento económico".
O proxecto, que foi dirixido polo arquitecto e urbanista Xabier Rivas Barreiro, xa se remitiu á Xunta de Galicia para que sexa sometido á avaliación medioambiental e se poidan emitir os informes sectoriais pertinentes.
Este 'ecoparque' está pensado para pequenas e medianas empresas, vinculadas co sector secundario ou comercial.
O Concello defende que non suporá un incremento substancial do tráfico pesado e contribuirá a vertebrar o municipio a través dunha zona urbanizada, ben alumeada e cunha superficie comercial dotada de dinamismo económico, vida e mobilidade.
O polígono terá "liña de horizonte" para integralo no medio natural e que non distorsione a paisaxe. No proxecto tamén se contempla unha grande zona verde dotando a todo este ámbito dun carácter moderno e traballado con espazos de lecer.
"Levamos meses traballando con este proxecto e cremos que é fundamental para Soutomaior, será un paso xigante para a economía e para o futuro do noso concello", asegurou Lourenzo.
Ao longo destas semanas, o goberno municipal convocará aos propietarios destes terreos para explicarlles e definir esta ambiciosa actuación.