A xornada do 5 de decembro chega a Soutomaior cargada coa ilusión dos máis pequenos que terán actividades desde primeiras horas do día.
Ás 10.30 horas comezará unha sesión de contacontos infantil, gratuíta, na Casa do Concello. A ese mesmo espazo chegarán os Reis Magos ás 11.00 horas, onde serán recibidos por Manu Lourenzo, alcalde de Soutomaior.
Ao redor das 11.30 horas iniciarase un percorrido polos barrios da parroquia de Soutomaior: Pedreira, Romariz; Comboa (Veiguiña Longa), Aranza (O Cotiño), Cortellas (A Praza), Moreira (Fonte de San Sebastián), Lourido (Chan de Moreira), Val-Sobral (Prazoleta do Sobral), Rial (igrexa de Soutomaior), Alxán (Obradoiro Luís Seoane) e A Montesiña (casa do pobo).
A Cabalgata de Reis comezará ás 17.00 horas na Rúa Calvario, no cruceiro. Percorrerá a Avenida Xosé Solla ata chegar á altura da Rúa Rosalía de Castro. O desfile finalizará na Alameda de Tallo Río, onde ás 18.00 horas iniciarase a Recepción Real, con cantos do Bando de Reis de Arcade de Riba.
O Clube 600 Arcade colabora coas actividades programadas polo Concello de Soutomaior.
MEDIDAS DE TRÁFICO
Diego Moreira, concelleiro de Seguridade, sinala que se adoptarán medidas para garantir o transcurso do desfile.
Desde as 13.00 horas do venres quedará prohibido aparcar na Avenida Xosé Solla, vía que quedará cortada do mesmo xeito que todas as rúas de acceso entre as 16.45 e as 18.00 horas.
O Concello recomenda ao público asistente aparcar nas zonas do Peirao, na contorna da estación de tren ou xunto ao campo de petanca.
Para as persoas que viaxen en coche pola estrada en dirección a Pontevedra, piden que atallen pola Rúa dA Oliveira, continúen por Rúa dAs Verdellas ata Roxelio Landeiro para seguir cara a Ponte Sampaio en dirección á capital.
No caso de que sexa inevitable utilizar o coche polo centro de Arcade, recoméndase a circulación por Camiño de Santiago (Lameiriñas, do Velore e Barroncas) ou pola N-550.