O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, firmou esta semana na notaría a documentación pola que se incorporan ao inventario municipal dúas fincas situadas na contorna dos muíños de Daión e outras dúas situadas na contorna da Casa do Concello.
"Seguimos avanzando na nosa folla de ruta para a transformación dos barrios do noso concello", valorou o rexedor.
Tal e como sinalou Manu Lourenzo, esta sinatura supón un paso fundamental nos plans do goberno local para a recuperación do conxunto etnográfico dos muíños de Daión e a creación dun núcleo de centralidade a carón da Casa do Concello.
O alcalde agradeceu a disposición da veciñanza implicada para que o Concello poida contar canto antes con estes terreos e avanzar na transformación de ambos os dous espazos.
O goberno de Soutomaior ten xa desde o ano pasado sobre a mesa un proxecto para a recuperación do conxunto etnográfico dos muíños de Daión, así como a contorna do barrio da Devesa e a Xunqueira de Arcade.
Este proxecto inclúe a incorporación de mobiliario integrado con materiais nobres, creando espazos de lecer na zona para o uso e desfrute da veciñanza.
O goberno local ten previsto realizar un investimento aproximado de 200.000 euros que agarda poder financiar con fondos europeos, coa vista posta en que a recuperación dos muíños de Daión sexa unha realidade a mediados de 2026.
En canto á Casa do Concello, o executivo local presentou o pasado mes de xaneiro un proxecto para o arranxo do salón de plenos municipal e a creación dun núcleo de centralidade na contorna da casa consistorial, humanizando o espazo e incluíndo elementos de mobiliario urbano, como bancos e árbores, cun investimento aproximado de 240.000 euros.
Manu Lourenzo lembrou que os muíños de Daión son un dos conxuntos etnográficos con maior valor de Soutomaior "e a Casa do Concello é o punto de unión de todos os veciños e veciñas do concello".
"É por iso que avanzar nestas actuacións supón un importante paso para a transformación rural de Soutomaior", destacou.