Soutomaior celebrará o Certame da camelia os días 1 e 2 de febreiro

Soutomaior
13 de xaneiro 2025
Actualizado: 17:13

O mércores, 15 de febreiro, ábrese o prazo de inscrición para participar nesta XXIII edición que se celebrará na Casa do Pobo do Val – Sobral

Silvia Cernadas e Rosana Comesaña presentan o Certame da Camelia Concello de Soutomaior

A concelleira de Promoción Económica, Hostalaría e Comercio, Rosana Comesaña, e a concelleira de Turismo e Cultura, Silvia Cernadas, presentaron este luns a XXIII edición do Certame da Camelia do Concello de Soutomaior.

Trátase dunha cita de referencia para que as persoas cultivadoras e afeccionadas participen na exhibición das composicións de camelias e tamén para quen senten curiosidade ou lles gusta esta flor.

Inclúese como actividade principal a exposición de composicións de flor de camelia que se desenvolverá este ano como novidade na Casa do Pobo do Val – Sobral, nos centros educativos e nos escaparates do comercio e a hostalaría local.

Tamén haberá actividades complementarias que destacan o valor que a camelia desde o punto de vista artístico-cultural ou do ámbito do benestar e a saúde. Sen esquecer outros enfoques como o económico ou o turístico.

No marco deste certame tamén se promoverá a creación dun mural colectivo, haberá unha actividade de relaxación con aceite de camelia e un concerto da Coral de Soutomaior que terá lugar o domingo 2 de febreiro.

As bases do certame xa se poden consultar na web do Concello de Soutomaior.Haberá premios económicos en todas as categorías e un premio especial Lelita Gradín consistente nunha peza deseñada por León Lagata para este evento.

O prazo de inscrición para participar no Certame comeza o mércores 15 de xaneiro, e finaliza o venres 24 de xaneiro ás 14:00 horas. As datas principais da edición XXIII Certame da Camelia serán os días 1 e 2 de febreiro aínda que o 31 de xaneiro a Biblioteca Luís Seoane tamén acollerá unha edición especial da "Hora do Conto" centrada nesta flor.