SOS Sanidade Pública concéntrase pola transparencia na xestión da obra do Gran Montecelo

Pontevedra
13 de abril 2018

Máis de 150 persoas levaron a cabo unha protesta ante o Hospital Provincial no serán deste venres 13 reclamando datos do Plan Funcional da ampliación de Montecelo, a gratuidade do aparcadoiro e unha xestión pública dos servizos de apoio. Ademais piden que o edificio do Provincial sexa para uso sanitario

Concentración de SOS Sanidade Pública ante o Provincial
Concentración de SOS Sanidade Pública ante o Provincial / Mónica Patxot

Máis de 150 persoas concentrábanse ante o Hospital Provincial durante a tarde deste venres 13 convocadas pola plataforma SOS Sanidade Pública para reclamar información sobre o proxecto de ampliación do Hospital Montecelo.

O presidente da Federación Castelao, Juan Loureiro, tomou a palabra ao comezo da concentración alertando de que non se fían das promesas da Xunta de Galicia en materia sanitaria. E dedicoulle os primeiros cánticos ao conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, ao berro de "conselleiro mentireiro".

Os convocantes, entre os que se atopaban representantes sindicais, veciñais e políticos, afirman que carecen de información sobre o Plan Funcional con datos concretos sobre o equipamento que precisa a área de Pontevedra. Queren tamén coñecer cal será a data de finalización das obras do proxecto coñecido popularmente como Gran Montecelo e que foi presentado recentemente polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

Entre os puntos que SOS Sanidade Pública reclama á Xunta de Galicia se atopa a gratuidade do aparcadoiro do novo Hospital único e rexeitan calquera fórmula de copago. Manuel Martín, portavoz da plataforma, indicou na lectura do manifesto que é necesario que os servizos de apoio como limpeza, lavandería, comida, esterilización ou mantemento sexan públicos para evitar os "desastres" do Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo.

Desde este colectivo quérense evitar as subcontrataciones de servizos a través de empresas privadas.

Por último, afirman que estarán atentos ao destino que se lle dará ao edificio do Provincial. Piden un uso sanitario das instalacións para que albergue un centro de Atención Primaria, especialidades, rehabilitación, planificación familiar, que complete os recursos da área sanitaria norte da provincia.

Alertan á Consellería de Sanidade de que, se non reciben resposta, continuarán coas protestas, da mesma forma que xa fixeron ata que lograron deter o proxecto da construción dun novo hospital en Monte Carrasco.

Arquivado en