A celebración do IV Concurso Provincial Xoga coas Manciñas e xornadas de portas abertas cun contacontos e unha charla-coloquio sobre a diversidade sensorial son algunhas das accións coas que Pontevedra conmemorará o 14 de xuño, Día Nacional da Lingua de Signos Española.
Baixo o lema ‘Máis que nunca, preto de ti’, o programa de actividades deseñado polo colectivo Xoga en colaboración coa Concellería de Benestar Social e a Deputación foi presentado este luns na Sala de Prensa do Teatro Principal.
Na rolda de prensa de presentación participaron a presidenta de Xoga, María Jesús Monterde; a súa secretaria xeral, Josefa Carballo; a súa tesoureira, Rosa María Piñeiro; o concelleiro Marcos Rey e a deputada provincial Olga García Ballesteros, así como unha intérprete de lingua de signos.
Tal e como explicou Monterde, os nenos que participen no Concurso Xoga coas Manciñas deberán gravar un vídeo de non máis de cinco minutos dun conto, canción ou poema dun autor galego en lingua de signos e presentalo antes das 23:59 horas do 28 de maio no correo electrónico mancinhas@organizacionxoga.org, autorizando a posterior divulgación do material.
As escolas gañadoras do certame recibirán como premios un contacontos en lingua de signos e un taller de sensibilización gratuítos (que recollerán o propio 14 de Xuño).
Entre o luns 7 e o domingo 13 de xuño, a Organización de Diversidade Sensorial Xoga (afiliada á Federación Española de Sordoceguera) desenvolverá en diferentes concellos da provincia xornadas de portas abertas que incluirán unha exposición titulada ‘A Comunidade con Diversidade Sensorial’, un taller de Iniciación á Lingua de Signos para maiores de 16 anos, un contacontos en lingua de signos dirixido a público infantil e a charla-coloquio A Diversidade Sensorial, na que se analizarán conceptos, estereotipos e recursos ao noso alcance.
Ademáis, entre a noite do venres 11 de xuño e a mañá do luns 14 de xuño a cor turquesa tinguirá tanto o Pazo Provincial, a sede viguesa da Deputación e diversos consistorios da provincia, entre eles o da capital, nunhas xornadas nas que a balconada do edificio da Praza de España tamén exhibirá unha lona conmemorativa.
Esta mesma fin de semana, as redes sociais de Xoga difundirán o sorteo dunha praza gratuíta para un curso de 60 horas de nivel A1 de Lingua de Signos para maiores de 16 anos que vivan en Galicia.
Este amplo programa de actividades pecharase o luns 14 de xuño ás 12:00 horas coa celebración do acto de entrega dos premios do IV Concurso Provincial Xoga coas Manciñas, que terá lugar no Salón de Plenos da Deputación de Pontevedra.