Sorprendido con dez quilos de anguía en veda nun operativo contra o furtivismo en Arcade

Pontevedra
22 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Un veciño da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio de 41 anos está a ser investigado por un presunto delito contra a flora e fauna, por pesca de especie para a que non posúe licenza e que ademais se atopaba en veda. Foi sorprendido ás sete da mañá do mércores no porto de Arcade, en Soutomaior

Anguía decomisada Guardia Civil

Un veciño da parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio está a ser investigado pola súa relación co furtivismo tras sorprendelo a Garda Civil con dez quilos de anguías en época de veda. 

O home, de 41 anos, foi denunciado no marco dun dispositivo de vixilancia para o control do furtivismo e a pesca ilegal posto en marcha o pasado mércores, 20 de marzo, por patrullas  do Seprona da Garda Civil de Vigo no porto de Arcade, en Soutomaior.

Preto das 07:00 horas da mañá, os axentes observaron como unha embarcación de pesca atracaba no porto sen ter acendidas as luces obrigatorias. Posteriormente o único ocupante desembarcou varios capachos con pesca no seu vehículo.

Os gardas civís dirixíronse ao sospeitoso e localizaron no maleteiro do coche un capacho con 10 quilos de anguía.

O pescador esta sendo investigado por un presunto delito contra a flora e fauna, por pesca de especie para a que non posúe licenza e que ademais se atopaba en veda. 

O caso está agora en mans do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución 1 de Redondela, e o investigado pode enfrontarse a unha pena de multa de entre oito e doce meses e inhabilitación especial para pescar de entre dous e cinco anos.

A Garda Civil comisou a anguía e entregouna nun comedor social de Vigo.