Sopa cremosa de tomate con mexillóns ao natural Pescamar

Pontevedra
03 de febreiro 2024

Unha receita chea de cor para servir quente como entrante e coa que aproveitaremos todos os beneficios mexillón, un molusco caracterizado polo seu baixo contido en graxas e alta porcentaxe de proteínas

Sopa cremosa de tomate con mexillóns | Ruslan Khmelevsky en Pexels

Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos preparar unha receita chea de cor para servir quente como entrante e coa que imos aproveitar todos os beneficios dun dos moluscos máis importantes das nosas rías: o mexillón.

O mexillón é un molusco altamente nutritivo, grazas á súa achega en ferro, fósforo, vitamina B12 e omega 3. Caracterízase ademais polo seu baixo contido en graxas e alta porcentaxe de proteínas.

Para preparar unha deliciosa Sopa cremosa de tomate con mexillóns Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:

- 1 lata de Mexillóns ao natural das Rías Galegas Pescamar

- 4 tomates maduros

- 1 cebola

- 1 dente de allo

- 2 cenorias

- 1 pemento vermello

- Sal

- Pementa negra en po

- 1 culleradiña de ourego

- Aceite de oliva virxe extra

Elaboración:

Picamos a cebola, o allo, as cenorias e o pemento vermello. Deixámolos cociñar nunha tixola con aceite a lume lento ata que estean rustridas. 

Á parte, facémoslle uns cortes transversais os tomates e introducímolos nunha pota con auga fervendo durante aproximadamente dous minutos, ata que vexamos que a pel empeza a desprenderse. Retirámolos da auga e, cando se vaian arrefriando, quitámoslles a pel.

Cortamos en anacos pequenos os tomates e, unha vez que as verduras estean cociñadas, incorporámolos á tixola. Remexemos ata que se integren os ingredientes mentres van cociñándose un par de minutos. Engadimos un chisco de pementa, a culleradiña de ourego e un pouco de sal, cubrimos con auga e deixamos cociñar uns 30 minutos a lume medio, ou ata que vexamos que a mestura adquire unha textura pastosa.

Deixamos que se arrefríe o suficiente para introducir no vaso batedor. Batemos.

Volvemos poñer a mestura na tixola. Incorporamos os Mexillóns ao natural das Rías Galegas Pescamar e, se queremos suavizar a crema, podemos agregarlle unha parte do líquido da lata. Quentamos a lume baixo.

Servimos nunha sopeira decorando cun chorriño de aceite de oliva.

En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.