"Son maior. Son coma ti. E cada día somos máis"

Pontevedra
01 de outubro 2022

Este 1 de outubro conmemórase o Día Internacional das Persoas Maiores e a cidade de Pontevedra celebrou una serie de actividades con tal motivo.

Lectura do manifesto polo Día das Persoas Maiores Concello de Pontevedra

Este 1 de outubro conmemórase o Día Internacional das Persoas Maiores e a cidade de Pontevedra celebrou una serie de actividades con tal motivo.

Dende as once da mañá o colectivo Mais Cantos e Nelson Quinteiro fixeron un itinerario cantado polas rúas e prazas da Boa Vila. Sairon dende a Praza de Ourense, diante da letras de Pontevedra para facer escadas en Peregrina, Curros, Praza de Abastos rematando cun acto institucional e concerto na Praza da Verdura.

Alí leron o Manifesto Oficial das Persoas Maiores de Pontevedra e remataron cun concerto .

Baixo o lema "Engancha", e ao abeiro do programa "Proponte", a concellería de Benestar Social que dirixe o edil Marcos Rey encetou unha batería de propostas na que se implicaron entidades como a UNED Senior de Pontevedra, a UVIGO, Espazo +60 de Afundación, Asociación Inzar, Asociación de Amigas do Camiño Portugués, Asociación de familiares de persoas con Alzheimer ou Mais Cantos e Nelson Quinteiro.

 

MANIFESTO DAS PERSOAS MAIORES DE PONTEVEDRA 

“Son maior. Son coma ti. E cada día somos máis".

 

As persoas maiores somos a forza construtora do pasado, do presente e do futuro ao mesmo tempo que fomos as persoas xeradoras da maioría dos dereitos que hoxe mesmo disfrutamos.

Queremos ser factores activos. Celebrar esta fase da vida. Vivir na dignidade na igualdade de dereitos.

Queremos respecto. Facernos donas da nosa vida, reafirmando a nosa automía e independencia personal. Ver a xubilación como unha nova fase e unha oportunidade. En definitiva, estamos a falar de sermos unha nova persoa maior.

Esta nova persoa maior mostra limitacións, pero amosa incontables capacidades a disposición desta nova sociedade da que formamos parte. 

Adáptase aos cambios que se van producindo na sociedade formando parte dela, como recentemente puidemos ver, e transmite ás xeracións seguintes as súas experiencias e coñecementos, a súa sabia experiencia, mellorando as relacións interxeracionais e sendo o pegamento e alicerce da cohesión familiar. Queremos sentirnos parte.

Queremos recoñecemento. Tomar decisións. Que se nos teña en conta. 

Estimular todos os resortes que eviten a nosa dependencia. E que ninguén quede excluído por ser muller; por ser do rural, por ter unha discapacidade ou por vivir na periferia.

É a obriga das administracións públicas e das persoas que nos gobernan poñer recursos a disposición das persoas maiores e de prepararse para a sociedade que imos ser, na que este apartado está sendo prioritario.

Precisamos recursos económicos, sociais e infraestruturas destinadas a fomentar o envellecemento activo de cara a mellorar a nosa calidade de vida.

Debemos percibir pensións que garantan a nosa dignidade, autonomía e vida plena: servizos sanitarios e sanidade pública que acompañen no noso devir. Uns servizos sociais, acompañamento, prazas de residencia e de axuda á altura das necesidades reais, en escoita activa da cidadanía.

Con este noso manifesto fechamos as I Xornadas de Interacción Social das persoas maiores de Pontevedra poñendo énfase na interacción social.

As relacións sociais diminúen o sentimento de soidade e son un factor importante xa que non só melloran a calidade de vida, senón que tamén inflúen nunha maior lonxevidade. En Pontevedra sabémolo ben.

Podemos presumir de entidades con alta eficiencia social. Elas mesmas formaron parte destas xornadas demostrando o poder das persoas maiores. Da súa enerxía, implicación, esforzo, capacidade e voluntariado.

Queremos un novo modelo de cidade. Un modelo que pense na cidade que xa somos e máis aínda na cidade que imos ser. Unha cidade plenamente accesible, con igualdade de dereitos e servizos, tanto no centro como en todo o rural ou zonas da periferia. Unha nova Pontevedra para unha nova persoa maior.

Merecémolo.