Solicitude dun cribado masivo en Vilaboa ante o incremento de contaxios

Vilaboa
05 de febreiro 2021

O goberno local remitía este venres 5 un escrito á Consellería de Sanidade para expresar a súa preocupación polo incremento exponencial de contaxios nesta terceira onda de covid-19 e reclamar probas masivas ao igual que se están a realizar noutros municipios da provincia

Evolución da pandemia durante esta primeira semana de febreiro Concello de Vilaboa

César Poza, alcalde de Vilaboa, móstrase preocupado polo aumento exponencial de contaxios na terceira onda de covid-19 no municipio con máis de medio centenar de persoas que ofreceron resultado positivo en  PCR e preto de 250 persoas en seguimento por manter contacto con infectados durante esta semana.

Por este motivo, o Concello de Vilaboa remitía este venres un escrito á Consellería de Sanidade para mostrar esa inquietude e solicitar a realización dun cribado masivo no municipio a través de probas  PCR igual que leva a cabo noutras localidades da provincia onde proliferan os casos.

O rexedor considera que estas probas permitirían detectar casos asintomáticos e prever, no caso de que resultase necesario, actuacións máis eficaces en relación con confinamentos ante a posibilidade de que se detecten contaxios.

Para levar a cabo o  cribado, o Concello de Vilaboa manifesta que colaborará con total disposición en canto a infraestrutura loxística coa Consellería de  Sanidade para que se desenvolvan estas probas.