Solicitan reforzos de persoal de limpeza no Complexo Hospitalario de Pontevedra para afrontar as dificultades que provoca a pandemia

Pontevedra
11 de xaneiro 2021

A representación de UGT e GIG no comité de empresa de ACCIONA, entidade encargada da limpeza no Hospital Provincial e Montecelo, pediu nunha reunión coa empresa o incremento de persoal porque entenden que agora son insuficientes para facer fronte á situación causada pola covid

Hospital Provincial Cristina Saiz

A representación dos sindicatos UGT e CIG nos Hospitais Provincial e Montecelo do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra reclaman reforzos de persoal de limpeza para poder desenvolver con garantías o traballo diario nestas instalacións debido aos protocolos adoptados pola covid-19. 

Sinalan que sofren unha carga de traballo diaria debido á insuficiencia de persoal nestes servizos. Esta necesidade foi trasladada á empresa ACCIONA, adxudicataria da limpeza nos centros hospitalarios. Desde a empresa indícaselles que xa se atopan operativos os traballadores que lle esixe o SERGAS e que nalgúns casos mesmo se reforza con máis persoal do esixido desde a Consellería de Sanidade.

A representación sindical presentaba o 4 de decembro un escrito dirixido á Xerencia do Complexo Hospitalario para alertar da necesidade de que se aumentasen os reforzos de persoal nas plantas. Segundo os sindicatos acompañábase o escrito cun informe detallado dos reforzos necesarios e solicitábase a ampliación de persoal ata que se realice un novo concurso de adxudicación do servizo.

Solicitaron un protocolo de actuación nos casos de covid para manter unha actuación pautada sen que obtivesen resposta sobre as accións que deben manter en materia de hixiene e de control de residuos perigosos.

Lembran que desde 2002 non se realizou ningunha ampliación de persoal no servizo de limpeza malia producirse a pandemia e outras enfermidades infecto contaxiosas como a gripe A. Entenden que é necesario este incremento de traballadores para contribuír a reducir os efectos da pandemia.

Tamén solicitan un plus de perigo para o persoal de limpeza ao atoparse diariamente manipulando e transportando residuos perigosos contaminados polo virus.