Solicitan o realoxamento do asentamento chabolista da Ponte do Couto

Pontevedra
14 de abril 2023

Vaipolorío volve solicitar "o realoxamento do asentamento da étnia xitana da Ponte do Couto, así como a recuperación, estudo e posta en valor de dita ponte"

Ponte do Couto Vaipolorío

Vaipolorío volve solicitar "o realoxamento do asentamento da étnia xitana da Ponte do Couto, así como a recuperación, estudo e posta en valor de dita ponte".

O colectivo ecoloxista sinala que desta ponte hai constancia fotográfica de principios do século XX e forma parte da vía romana XIX, que comunica Brácala Augusta (Braga) con Lucus Augusti (Lugo).

Neste enclave da Ponte do Couto, a finais do século XIX, apareceu unha columna adicada a Máximo e Maximino dous emperadores tardo romanos, que promoveron melloras e reformas do trazado da vía XIX.

Vaipolorío considera que estes son uns indicadores de que a ponte pode ser romana e recomenda que a recuperación pasaría: por un levantamento topográfico da ponte, pola escavación dos accesos da mesma e a recuperación do entorno "incluído a recolocación da comunidade xitana", ademáis da limpeza da mesma e posterior musealización.

Coa finalidade de poñer en valor as súas características arqueolóxicas, históricas, didácticas, arquitectónicas e medio ambientais Vaipolorío organiza outra xornada de limpeza dos elementos vexetais da Ponte do Couto do río Tomeza – Gafos.

A cita será este sábado 15 de abril, ás dez da mañá, na propia ponte. As persoas que desexen participar deberán confirmar a súa asistencia no teléfono 676 842 942 antes do sábado para programar o traballo.