O sindicato Alternativas na Xustiza-CUT solicitou o amparo do presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, "tanto pola súa condición de máxima autoridade da xustiza galega como pola de presidente da Comisión de seguimento do Covid" para poñer solución aos "problemas de saúde e seguridade" que, ao seu xuízo, existen nas dependencias do Xulgado de Garda do edificio da Parda en Pontevedra.
Entre outras queixas este sindicato indica que nestas instalacións non hai arco de seguridade no acceso e que a sala de declaracións e xuízos rápidos, así como a das rodas de recoñecemento, son espazos pechados sen xanelas nin ventilación.
Este sindicato di que acode ao presidente do TSXG despois do "pasotismo" do director xeral de Xustiza, Juan Jose Martín despois de que lle trasladasen esta problemática que denuncian.
Como solución propoñen que se habilite no novo edificio da Parda, un espazo dotado de ventilación e iluminación natural para o xulgado de garda.