Sobreviventes do cancro de mama encherán o Lérez de flores e luces "para lembrar ás que xa non están connosco"

Pontevedra
30 de novembro 2023

O equipo Libélulas Dragon Boat BCS do Club Ciudad de Pontevedra organiza o sábado unha intensa xornada para inaugurar o novo barco que lles doou o Concello de Pontevedra e lembrar ás compañeiras falecidas. Farán unha homenaxe floral, as pontes iluminaranse e haberá unha canción e unhas palabras en memoria das que faltan

Ponte do Burgo iluminada en lembranza das vítimas do cancro de mama Libélulas Dragon Boat BC

O río Lérez será o vindeiro sábado, 2 de decembro, escenario dunha sentida homenaxe ás mulleres que no último ano faleceron con cancro de mama. Darano as integrantes do equipo Libélulas Dragon Boat BCS (Breast Cancer Survivors, en castelán, sobreviventes de cancro de mama) do Club Ciudad de Pontevedra.

Elas son sobreviventes e na tarde do sábado organizarán unha ofrenda floral "para lembrar ás que xa non están connosco". Así o explica unha das integrantes de Líbelulas, Sela Lema, que superou un tumor tras unha operación e tratamento e destaca a importancia desta modalidade deportiva do Dragon Boat para a súa recuperación

"Este tipo de actividades é importante xa non só a nivel de deporte senón porque supón unha mellora física e psicolóxica. Estamos todas xuntas e falamos cousas que en casa non podemos falar", explica Sela, convencida de que estas actividades en grupo son "o mellor psicólogo que podemos ter, axuda moitísimo". 

A homenaxe do sábado lembrará a todas as súas compañeiras lanzando flores ao río e tamén grazas á colaboración do Concello de Pontevedra, pois as pontes do río Lérez ao seu paso pola cidade iluminaranse para a ocasión. 

As actividades comezarán ás 17.30 horas na sede da Escola de Piragüismo Ciudad de Pontevedra en As Corbaceiras coa inauguración do novo barco para Dragon Boat que o Concello de Pontevedra doou ás Libélulas. Contará coa presenza do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira Anabel Gulías. 

A continuación, sairán ao río coas súas embarcacións e ás 18.10 horas está previsto que lembren ás súas compañeiras falecidas. Compañeiras de 'Guatea' interpretarán unha canción, un compañeiro de Dragon Boat dirá unhas palabras e farán a ofrenda floral. 

Esta é a primeira ofrenda floral que organiza o colectivo dean Pontevedra, pero noutras cidades outras compañeiras si adoitan aproveitar citas como competicións para realizar este tipo de recordos. Elas decidiron facelo para lembrar a tres compañeiras doutros equipos de Dragon Boat que faleceron no último ano.

A súa homenaxe será entre a ponte da Correntes e a ponte do Burgo, que as recibirán xa iluminadas, e busca ter na súa memoria ás falecidas, "esas compañeiras que se foron". 

A xornada será intensa para as Líbelulas, que deben o seu nome a que as libélulas voan libres por encima da auga, pois pola mañá participarán nunha regata en Marín.