Durante o ano 2024 o punto limpo móbil do Concello de Poio xestionou máis de 1.100 depósitos.
Esta cifra supón un incremento de case un 20% con respecto ao ano anterios, cunha media de 92 usuarios ao mes.
Son datos do balance ofrecido polo Concello sobre este servizo de recollida de residuos que se ofrece de maneira itinerante polas diferentes parroquias.
Por meses detectouse un maior incremento de depósitos entre abril e novembro. Neste sentido, agosto, con 148 usuarios foi o mes con maior actividade, seguido de xullo, con 123 usuarios, e maio, con 117. Pola contra, xaneiro e decembro, con 55 e 65 depósitos respectivamente, foron os meses nos que a recollida foi menor.
O emprazamento no que se rexistrou unha maior actividade de maneira periódica foi en Combarro, con preto de 350 depósitos.
Mobles, madeira, chatarra, electrodomésticos, aparellos eléctricos, lámpadas, fluorescentes, roupa, calzado, pilas, baterías ou cartuchos de impresoras son algúns dos residuos que se recolleron.
O Concello de Poio lembra que o horario de atención ao público do punto limpo móbil é de 10.00 a 14.00 horas, podendo consultarse na páxina web municipal o calendario do servizo.
Ademais a administración municipal tamén ofrece un servizo gratuíto de recollida de voluminosos a domicilio que, en 2024, realizou un total de 1.325 recollidas con cita previa, unha cita que se pode solicitar de luns a venres, de 9.00 a 13.00 horas, no teléfono 986 771 185.
Entre os datos do punto limpo móbil e as recollidas de voluminosos, xestionáronse en 2024 un total de 135 toneladas de residuos aproximadamente.