Só un tripartito impedirá o goberno de Ángel Moldes (PP) en Poio

Poio
27 de maio 2019

O PP de Ángel Moldes gañou as eleccións municipais en Poio, pero Luciano Sobral poderá conservar a Alcaldía para o BNG cun goberno a tres co PSOE e Avante Poio. Os socialistas igualaron tres concelleiros, o PP pasa de 7 a 8, os nacionalistas baixan de 7 a 5 e entra Silvia Diaz    

Resultados das municipais en Poio ao 100% escrutado David López

O PP de Ángel Moldes gañou as eleccións municipais en Poio, pero Luciano Sobral poderá conservar a Alcaldía para o BNG. Para facelo, necesitará recorrer á fórmula do tripartito cun goberno a tres co PSOE de Chelo Besada e Avante Poio.

Os 'populares' subiron de sete a oito concelleiros no que era o segundo intento de Ángel Moldes de chegar á Alcaldía de Poio, converténdose en primeira forza no municipio. 

Ademais, incrementaron en seis puntos a porcentaxe de voto, pasando do 37,49% de 2015 a un folgado 42,61%. A diferenza tradúcese en 758 votos máis que catro anos atrás e 1.455 apoios máis que a segunda forza, o BNG.

Nito Sobral, o rexedor máis veterano da comarca pontevedresa, acusou o desgaste de 24 anos de goberno -leva na Alcaldía desde 1995-. Os nacionalistas perderon 720 votos e dous concelleiros, quedando co 26,96 por cento dos votos fronte aos 37,65% de catro anos atrás.

Eses dous edís perdidos foron á conta do PP, pero tamén de Avante Poio, partido nado da man da ex concelleira nacionalista Silvia Díaz que, nas súas primeiras eleccións municipais, logrou un concelleiro e o 6,39% dos votos. 

Iguala resultados o PSOE de Chelo Besada, socia de goberno do BNG durante o último mandato que mantén os seus tres concelleiros e mesmo mellora resultados. O tirón das siglas socialistas, que o pasado 28 de abril levantou a Pedro Sánchez como gañador das eleccións xerais, tamén empapou aos socialistas de Poio, que pasaron do 15,72% dos votos ao 19,53% e gañaron 427 votos. 

O quinto partido que se presentaba ás eleccións municipais, Movemento por Poio ( MXP), cunha candidatura encabezada por José Manuel Pousada Villaverde, quedou fóra da nova Corporación, con apenas 228 votos, o 2,59% dos emitidos.  

Arquivado en