Só tres casos activos máis de coronavirus na área sanitaria nas últimas 24 horas

Pontevedra
14 de abril 2020

Despois do incremento de casos rexistrado o luns, este martes 14 de abril os datos de persoas afectadas polo Covid-19 en Pontevedra e O Salnés volveron a estabilizarse. En concreto, segundo a Consellería de Sanidade, só se contabilizaron tres casos activos máis nas últimas horas, para un total de 504 na área sanitaria

Entrada de Urxencias no hospital de Montecelo Diego Torrado

Despois do incremento de casos rexistrado o luns, este martes 14 de abril os datos de persoas afectadas polo Covid-19 en Pontevedra e O Salnés volveron a estabilizarse. En concreto, segundo a Consellería de Sanidade, só se contabilizaron tres casos activos máis nas últimas horas, para un total de 504 na área sanitaria.

A melloría deixouse notar tamén na presión sobre a Unidade de Coidados Intensivos (UCI), con tres pacientes menos ao seu cargo ao permanecer 12 persoas ingresadas nesta unidade especializada polos 15 que había o luns.

En total o número de hospitalizados é de 57, un descenso de tres persoas traducido nas tres altas hospitalarias tramitadas que colocaron o número de curados en 117 desde que comezou a pandemia. Estes hospitalizados repártense entre os centros de Montecelo, O Salnés (5) e o Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez (1), mentres que 447 afectados polo virus recupéranse nos seus domicilios.

Así mesmo nas últimas horas non houbo que lamentar ningún falecemento asociado ao Covid-19, manténdose a cifra de defuncións dentro da área sanitaria pontevedresa en 12.

A nivel autonómico, a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que, na última actualización, o número de casos de coronavirus en Galicia ascende a 5.973 (+34), dos que 1.271 son da área da Coruña, 590 da de Lugo, 1.187 da de Ourense, 1.077 da área de Vigo, 1.007 da de Santiago, e 337 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 133 permanecen en UCI, 733 están en unidades de hospitalización e 5.107 no domicilio. Polo de agora, en Galicia rexistráronse 1.240 altas de pacientes e 384 falecementos.

O número de  PCR realizadas é de 48.337.

CENTROS RESIDENCIAIS

O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais de Galicia, supoñen o 3,7% do total das persoas residentes. En concreto, hai 917 usuarios e 418 traballadores destes centros con coronavirus. Do total de  falecementos da comunidade, 87 eran persoas que estaban en residencias e 81 estaban en hospitais e residencias integradas.

Respecto das 5 persoas falecidas nas últimas 24 horas en centros residenciais, 1 foi na residencia de Os Bosques (Pontedeume), 2 na residencia N.S Esperanza (Ourense), 1 na residencia Moledo (Vigo) e 1 na residencia DomusVi Cangas.

TELÉFONO DE INFORMACIÓN

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas ten ao dispor da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.