Só os locais de hostalería máis esixentes poderán abrir as barras a partir do 15 de setembro

Pontevedra
08 de setembro 2021

As barras dos establecementos de hostalería abrirán o próximo 15 de setembro unicamente nos locais que cumpran máis requisitos, entre os que se atopan facer probas periódicas ao seu persoal. Só poderá usarse de forma individual ou cun máximo de dúas persoas por grupo sempre que sexan conviventes,  

Traballador do sector da hostalería

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, compareceu este mércores en rolda de prensa para dar conta dos acordos alcanzados polo comité clínico e para explicar con detalle o novo protocolo da hostalería que "nace con vocación de permanencia" polo que son medidas estables que se aplicarán durante os próximos meses e que está baseadas en "a boa evolución epidemiolóxica, aváncesvos na vacinación e a ocupación hospitalaria". 

O protocolo ten dous niveis dependendo do grao de compromiso dos locais independentemente do concello no que se sitúen.

Para os "locais de tipo 1" fíxase unha ocupación interior do 50% e exterior do 75%. Para iso terán que cumprir cunha serie de requisitos mínimos de seguridade sanitaria, como son a distancia 1,5 metros entre mesas, a exposición dos aforos, medidores de CO2 con anotacións cada 24 horas. Ademais o persoal deberá utilizar máscaras cirúrxicas que teñen que ser renovadas cada 4 horas e terán que completar 2 horas de formación en protocolos covid.

Nos "locais de tipo 2" o aforo interior será do 75% e exterior do 100%. Permítese o uso individual das barras, que tamén poden usar dous conviventes.  Neste caso, os requisitos esixidos son distancia 1,5 metros entre persoas das distintas mesas, rexistro de clientes para os restaurantes, medidor de CO2 continuo e recoméndanse actuadores que fan saltar o aire cando se exceda un nivel. O persoal deberá utilizar máscaras do tipo FFP2 e someterse a probas diagnósticas cada 7 ou 14 días dependendo da situación epidemiolóxica.

Ademais o protocolo contempla o chamado "Nivel de alarma" que está previsto para casos extraordinarios, de gravidade extrema e por unha situación epidemiolóxica imprevista e unha importante ocupación hospitalaria. Nesa situación actuaríase cun protocolo distinto.

Para toda a hostalería mantense o horario de peche que, de momento, está fixado na 1 da madrugada.

Este protocolo para a hostalería entrará en vigor o día 15 de setembro.

Feijóo reiterou que este protocolo é froito do diálogo mantido durante semanas entre os representantes do sector da hostalería e restauración e a administración autonómica. O presidente da Xunta sinalou que o protocolo poderá revisarse se as condicións epidemiolóxicas e sanitarias cambian de forma "abrupta", aínda que "pensamos que non van cambiar". 

Nos próximos días avanzarase nun protocolo para o lecer nocturno que se prevé poñer en vigor a principios de outubro.