A Universidade de Vigo titulou durante o seu primeiro cuarto de século de existencia un total de 71.487 persoas e emitiu 82.330 títulos, ao completar máis de 9.700 persoas varias titulacións. Así se reflicte no libro "71.487 persoas tituladas da Universidade de Vigo (1990-2015). Evolución da oferta académica", elaborado polo catedrático emérito Luis Espada e o analista Víctor Manuel Martínez.
Unha das conclusións do libro é que só o 0,6% do alumnado que finalizou os seus estudos na Universidade de Vigo procede de países estranxeiros. O 99,4% restante tiña a súa residencia en territorios do Estado español, procedendo de Galicia case o 97% e, en concreto das provincias de Ourense e Pontevedra, o 83,2%. Por municipios, un 30,6% das persoas tituladas proceden de Vigo, o 12% de Ourense e o 6,2% de Pontevedra.
O estudo confirma que a maioría das persoas tituladas durante os 25 primeiros anos de existencia da institución académica son mulleres, un 61,7% fronte ao 38,3% de homes.
O predominio feminino queda patente nos ámbitos das ciencias da saúde (84%), arte e humanidades (76%), xurídico-social (69%) e científico (66%).