Só o 5% dos titulados na Universidade de Vigo perderon o seu emprego durante a primeira onda da pandemia

Pontevedra
19 de febreiro 2021

O Observatorio de Persoas Tituladas analiza nun novo informe o impacto da primeira onda da pandemia no emprego do antigo alumnado. A través de case 600 páxinas, achega datos sobre taxas de ocupación e desemprego, teletraballo, ERTE 

Ingeniera informática Sara Dressler

O Observatorio de Persoas Tituladas, co apoio do Consello Social, presentou este xoves un novo informe, nesta ocasión, centrado no impacto que tivo a primeira onda da pandemia no emprego do antigo alumnado da Universidade de Vigo.

É un estudo pormenorizado no que se dá conta dos principais resultados dunha enquisa realizada a 3.217 persoas de distintas titulacións e promocións desde 1990 ata a actualidade repartidas por todo o mundo. A enquisa se fixo entre os días 25 de maio e 8 de xullo do pasado ano.

Na presentación do informe, o director do observatorio, o ex reitor Luis Espada, estivo acompañado polo actual reitor, Manuel Reigosa, e o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa.

Segundo se recolle neste informe, a inmensa maioría (86%) dos egresados seguía no mesmo emprego que tiña antes do inicio da crise provocada pola covid-19, o 1,2% cambiou de emprego e o 0,6% atopou emprego. Estes datos reflicten a ollos do presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, "un elevado nivel de resistencia e estabilidade" dos egresados da UVigo, unha noticia claramente moi positiva.

A porcentaxe de persoas que admitiron perder o traballo durante esa etapa foi do 5%, estando entre as principais causas desta perda de emprego a finalización do contrato (46,2%), seguido pola suspensión da actividade profesional (33%) e os despedimentos (8,8%), se ben case a metade de todas elas agardaban recuperar o seu posto unha vez finalizada a crise.

"A perda de emprego afectou máis ás microempresas que as grandes firmas, e ás persoas con contrato temporal eventual que con contrato indefinido", explicou Espada.

Desde o punto de vista da taxa de ocupación, pasou dun 92% a un 87%, e en Galicia sempre foi un pouco peor neste sentido -do 91,7% ao 86,7%-, "mentres que no estranxeiro as cousas foron un pouco mellor -do 93,7% ao 91,4%-", explicou o director do observatorio, ao que engadiu que a taxa de desemprego pasou do 4,7% ao 9,3%.

MÁIS DA METADE PASARON AO TELETRABALLO

Con respecto ao impacto da crise por covid-19 no modo de traballo o 54% das persoas enquisadas admitiron cambiar o seu modo de traballo habitual polo teletraballo ou traballo en remoto, aínda que a maioría admitiu carecer de experiencia previa neste xeito de traballar.

O 34,1% mantiveron o seu lugar de traballo habitual, ben con normalidade ou con horarios especiais; un 5,7% foron incluídas nun ERTE e o 3,8% permaneceu na casa sen desempeñar ningún tipo de actividade laboral.

"O teletraballo predomina máis no estranxeiro ca en Galicia", salientou Espada, ao que engadiu que o teletraballo foi "o único medio de traballo na metade dos 46 países avaliados e, por suposto, foi maioritario en sectores como as telecomunicacións, investigación, banca e seguros e, loxicamente en menor proporción na alimentación, automoción ou sector sanitario", recalcou o exreitor.

Ademais da aplicación do teletraballo, entre as principais medidas adoptadas polas empresas destaca tamén a redución de viaxes e reunións presenciais (56,7%), a intensificación das medidas de seguridade e hixiene (55,7%) e a flexibilización de horarios e quendas do persoal (50,4%).

O 70% NON VIRON ALTERADA A SÚA SITUACIÓN ECONÓMICA FAMILIAR

En relación ao impacto na economía familiar das persoas enquisadas máis do 70% das persoas participantes afirmaron que a situación económico do seu fogar non se viu alterada, mentres que para o 25% considera que empeorou, proporción que é significativamente máis alta entre as mulleres (27,3%) que entre os homes (20,4%).

Nesta liña a maior parte dos participantes tamén pensaban con claridade que a situación económica do seu fogar non ía mellorar nos seguintes meses. Por outra banda, o maior temor entre as persoas tituladas era que a pandemia provocase unha perda do seu poder adquisitivo: o 25,3% a que os seus salarios se reducisen de forma transitoria e un 14,2% de forma máis permanente. O temor a que a empresa ou organización na que traballan teña que pechar afecta a arredor dun 10% dos enquisados.

Espada tamén fixo fincapé en como nese momento, recén rematada a primeira onda da pandemia, "o 56% consideraban que o impacto da pandemia na economía sería negativo e duradeiro, pero había un 40% de persoas que consideraba que sería pasaxeiro e, incluso, un 4% que non tería impacto".