Sindicatos penitenciarios denuncian que, por primeira vez en 25 anos, A Lama non tivo médico 24 horas

A Lama
22 de xaneiro 2024

Os sindicatos ACAIP-UXT e CSIF denuncian que en xaneiro o centro chegou a estar algún día completo sen presenza médica. Denuncian a nivel estatal a falta de persoal médico nas prisións e a "incapacidade dos actuais xestores penais para resolver este problema". Na Lama, seis das oito prazas de médico están vacantes na súa RPT

Exterior do centro penitenciario da Lama Mónica Patxot

Os sindicatos ACAIP-UXT e CSIF, con representación no centro penal da Lama, denuncian falta de persoal sanitario nesta instalacións e que, por primeira vez en 25 anos de existencia do centro, deuse a circunstancia de que non foi posible manter un servizo médico presencial as 24 horas todos os días deste mes de xaneiro.

Segundo denuncian estes sindicatos, o centro chegou a estar algún día completo sen presenza médica.

Para os sindicatos, "a deterioración da atención médica e o aumento de risco de incidentes reximentais é patente por este feito".

ACAIP-UXT e CSIF denuncian a nivel estatal a falta de persoal médico nas prisións e a "incapacidade dos actuais xestores penais para resolver este problema". Sosteñen que o 62% das prazas de médico en IIPP que figuran a nivel estatal nas Relacións de Postos de Traballo están vacantes neste momento.

No centro penal da Lama seis das oito prazas de médico están vacantes na súa RPT e tamén a praza de subdirector médico vacantes.

Os sindicatos lembran que a atención médica é fundamental para o bo devir do día a día penal. A ausencia de facultativos menoscaba a saúde dos internos, crea inseguridade no centro así como malestar en internos e traballadores á vez que aumenta o risco de incidentes. Tamén consideran que se dan nos centros penais circunstancias que requiren dunha atención médica presencial e inmediata como poden ser agresións entre internos, lesións autolíticas ou intoxicacións por consumo de substancias medicamentosas ou prohibidas no centro.