Sinalan ás 6.882 vivendas baleiras en Pontevedra como solución á falta de inmobles en alugueiro na cidade

Pontevedra
04 de febreiro 2023

A Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga) sitúa en 349 as vivendas de uso turístico rexistradas na Boa Vila e indica que se sitúan fóra das rúas de residencia tradicional da poboación local

Dúas persoas utilizando un teléfono móbil Imaxe de Dean Moriarty en Pixabay

A cidade de Pontevedra non é allea á consolidación dunha tendencia xeral que inclina aos viaxeiros de todo o mundo para decidirse por alugar un apartamento para gozar das súas vacacións fronte a outro tipo de modelos alojativos; proba diso son as numerosas licenzas concedidas nos últimos tempos polo Concello de Pontevedra para levantar edificios enteiros dedicados a este fin. 

Xunto a esta opción, explotada por empresas con sede, na maior parte dos casos, fóra da cidade, conviven as vivendas de uso vacacional, as VUTS, de propietarios particulares que destinan de media unha única vivenda a este uso.

Os datos que manexa a Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia (Aviturga) acerca do mercado inmobiliario pontevedrés apuntan a que a cidade conta cun parque de aproximadamente 40.000 vivendas, das que 31.000 son principais e en propiedade; 8.612 non son principais ou están en alugueiro; 1.726 son secundarias e 6.886 están baleiras.

Segundo o Rexistro da Xunta en Pontevedra cidade hai 349 VUTs. Para Aviturga este número absoluto carece de valor se non se analiza co resto de variables e tendencias do parque inmobiliario: vivenda en propiedade, alugada, baleira, promocións urbanísticas, tipo de vivenda dispoñible para compra e alugar, concentración da propiedade, localización, impacto turístico, entre outras variables para considerar.

Aviturga cre que é importante contar con estudos que cuantifiquen o impacto das VUTs como elemento de promoción dun turismo urbano nacional e internacional de calidade que elixe Pontevedra para pasar as súas vacacións.

Adóitase mencionar que superan en número ás dispoñibles para alugueiro tradicional, pero eses datos non son comparables debido a que no caso das VUT faise referencia ao total e no da vivenda para alugueiro só as que están dispoñibles nunha data determinada.

Segundo leste mesmo Rexistro podemos asegurar que as vivendas de uso turístico están distribuídas homoxéneamente ao tratarse dunha cidade con distancias asumibles a pé. As VUTs están salpicadas por diferentes rúas do centro en pequenas cantidades pero non nas zonas tradicionalmente residenciais para os pontevedreses.

Na rúa Peregrina hai 8 VUTs; en Echegaray, 5; en Corbaceiras 5; na rúa Celso García de la Riega, 6; na Rúa Real 6; en García Camba 5; en Ernesto Caballero 5; en Loureiro Crespo 4; na Rúa Nova de Arriba 7; en Joaquín Costa 6; en Andrés Muruais 2; na Avda de Vigo 4; na Avenida de Uruguai 3 e na Avenida Montero Ríos, 2.

Ponteveda é unha cidade en constante crecemento turístico como demostran a continua apertura de albergues xuvenís, pensións convertidas en hoteis e hostels de baixo custo e habitacións compartidas, favorecido por un contexto urbanístico que anima a destinar edificios enteiros a apartamentos turísticos pero moi estrito coas licenzas de rehabilitación de pisos individuais.

Aviturga asegura que as vivendas de uso turístico son un axente rehabilitador en zonas céntricas con vivenda baleira sen reformar, en edificios con poucos metros cadrados de solar que precisan un importante investimento ou en edificios sen equipamento como o ascensor, menos importante para o turista que para o residente habitual.

RENDIBILIDADE COMPARADA CO ALUGUEIRO TRADICIONAL

A maior rendibilidade do alugueiro turístico vai parella a unha fiscalidade máis elevada, unha maior esixencia na calidade na habitabilidade do inmoble e, sobre todo, unha maior dedicación debido a que o alugueiro por días supón estar pendente de chegadas e saídas, limpezas, rexistro de viaxeiros, entre outras requisitos aparellados ao alugueiro turístico. 

Moitas das VUTs non se destinan os 365 días do ano a alugueiro turístico. En tempada baixa, cando a afluencia do turismo baixa con intensidade, moitas pechan os seus calendarios nas plataformas, e destinan as súas vivendas a alugueiro de tempada para estudantes ou traballadores con contratos mensuais, como está a ocorrer na docencia e na sanidade.

A diferenza doutras cidades, para os pontevedreses vivir na cidade é un privilexio ao que non renuncian. Un deseño amable, pensado para o goce dos peóns, con moito espazo público e seguro é, sen dúbida, un dos principais polos de atracción de turistas pero tamén un activo para os residentes que, en caso de dispoñer de máis dunha vivenda, dedican ao alugueiro, en calquera das súas modalidades, as situadas no arrabalde, reservando para si o privilexio da calidade de vida que ofrece a cidade.

O TURISTA QUERE INDEPENDENCIA

As VUT ofrecen a comodidade do fogar fóra de casa xa que dispoñen de sala de estar, cociña, lavadora, espazo para atender a bebes, ás mascotas ou, mesmo, para equipamento deportivo, o que lles permite trasladar as rutinas da súa vida diaria ás vacacións. Hai que lembrar que os eventos deportivos organizados na cidade arrastran ás familias dos participantes, que buscan o confort dun apartamento para aloxarse.

O turista ademais intégrase no barrio facendo uso da hostalería, comprando nas tendas e gozando das actividades que ofrece a cidade. Tras a pandemia notamos claramente que se incrementou o interese pola independencia e autonomía que ofrecen as vivendas de uso turístico e que se están incrementando as reservas para estancias medias e longas.

COMPETENCIA EN CALIDADE E PREZO A NIVEL GLOBAL

As VUTs de Pontevedra teñen moi boa valoración nas plataformas, unha boa ocupación con estancias de media e longa duración. A calidade avalíase tras cada visita con comentarios que comparan a estancia con experiencias de vacacións previas. A valoración equipara aloxamentos situados en calquera parte do mundo. Se non se ofrece calidade e bo prezo, reséntense as valoracións, diminúe a visibilidade nas plataformas e descende a ocupación.

DIXITALIZACIÓN DA OFERTA TURÍSTICA

Hai tempo que a dixitalización e as plataformas na internet conectaron aos turistas cos destinos de forma directa, alterando a escala global e para sempre moitos dos paradigmas sobre onde e como viaxar. As persoas que viaxan buscan, elixen e reservan con propostas que consultan no móbil. Xa non é tendencia, é a realidade de como se planifican as vacacións de fin de semana ou internacionais, manda o dixital.

En Fitur 2023, todos destinos a nivel mundial afanábanse en presentar estratexias para diversificar, desestacionalizar e resdistribuir os beneficios do turismo nos seus territorios, competindo pola atención na internet dos turistas.

Desde Aviturga consideran que os esforzos das Administracións teñen que enfocarse en que toda a oferta turística estea dispoñible de forma dixital. “Os destinos competimos na internet, hai que potenciar a presenza en redes sociais, en formato multi idioma e accesible desde o móbil, que é onde os turistas planifican e comparan onde queren viaxar. Aí está a fortaleza e as oportunidades para facer máis atractiva Pontevedra como destino”, indica Dulcinea Aguín, presidenta de Aviturga.