Setembro continúa consolidándose en Sanxenxo como o terceiro mes con mellores datos turísticos do ano tan só por detrás de xullo e agosto.
Así se reflicte no estudo que realizou Orange para a Mancomunidade do Salnés, no que se analiza o comportamento da xeolocalización dos móbiles e utilízase a información anonimizada dese Big Data para realizar unha análise da actividade turística.
No noveno mes do ano, Sanxenxo recibiu a 71.015 turistas (persoas que se aloxaron en Sanxenxo) e rexistrou 771.240 visitas.
Estes datos referendan a setembro como terceiro mellor mes do ano por diante de xuño no que se rexistraron 57.857 turistas e 755.873 visitas. En canto á orixe dos visitantes, 61.887 eran de territorio nacional e 9.128 de orixe internacional.
O balance de datos turísticos presentado este martes no parador de Cambados reflicte un bo comportamento turístico de toda a comarca. No acumulado dos meses de xullo, agosto e setembro, o estudo rexistra 14.100.686 visitas aos concellos do Salnés.
Deste total, Sanxenxo achega 4.383.671; O Grove, 2.406.445; Vilagarcía, 1.549.189; A Illa, 1.295.356; Vilanova, 1.291.582; Cambados, 1.254.789; Meis-Ribadumia, 1.011.837 e Meaño, 907.472.
No que vai de ano, Sanxenxo recibiu, segundo este estudo, 1.994.719 visitantes e recibiu 7.093.104 visitas. O peso do turista nacional segue sendo definitivo, pero mantense o crecemento do internacional. 1,8 millóns dos visitantes foron de orixe nacional.