Setembro afiánzase como o terceiro mellor mes para o turismo en Sanxenxo con 114.901 pernoitas hostaleiras

Sanxenxo
24 de outubro 2022

Sanxenxo superou os datos de setembro de cidades como Vigo (81.422), A Coruña (94.886) e quedou a 62.413 noites do total rexistrado en Santiago (177.314).

Hotel de Sanxenxo Mónica Patxot

O mes de setembro afiánzase como terceiro período turístico de Sanxenxo en pernoitas hostaleiras superando xa as cifras de xuño. Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), os hoteis do municipio rexistraron 114.901 pernoitas durante o pasado mes fronte ás 87.343 contabilizadas no sexto mes do ano.

Un bo dato, a pesar de non alcanzar as 122.971 sumadas en 2019. Sanxenxo superou os datos de setembro de cidades como Vigo (81.422), A Coruña (94.886) e quedou a 62.413 noites do total rexistrado en Santiago (177.314).

O tirón do visitante nacional en setembro acrecentouse respecto mesmo a períodos anteriores á pandemia. Un total de 28.943 viaxeiros nacionais e 5.670 estranxeiros pernoitaron nos hoteis de Sanxenxo durante o pasado mes. Cabe lembrar que as pernoitas hostaleiras en Sanxenxo son só unha parte do total das prazas de aloxamentos turísticos. Neste sentido, as 11.054 segundas residencias, as 2.423 vivendas turísticas e os 12 cámpings suman 82.000 prazas de aloxamentos a maiores das prazas hostaleiras.

Segundo as cifras do INE, durante o mes de setembro estiveron abertos 121 establecementos hostaleiros en Sanxenxo con 3.878 habitacións e 7.624 prazas dispoñibles. En canto ao grao de ocupación, durante as fins de semana alcanzouse o 55,18 % e o resto da semana un 50,65 %. A apertura destes hoteis implicou a contratación de 1.034 persoas.

En canto ao aparcadoiro de Nauta, durante o pasado mes de setembro facturáronse 54.004 euros e rexistrouse a entrada de 13.879 vehículos. Na primeira quincena ingresáronse 33.956 euros e na segunda, 20.042 euros. Cabe lembrar que o aparcadoiro de Nauta mantén actualmente e desde o ano 2020 dúas horas de estancia gratuítas para os veciños empadroados no municipio, co obxectivo de facilitar as súas xestións e compras no centro da localidade. A este sistema atópanse abonados un total de 3.079 veciños e veciñas.