Sete mil árbores para reducir as cianobacterias e as inundacións nos ríos Umia e Gallo

Umia
20 de novembro 2023

A Xunta de Galicia plantará unhas 7.000 árbores de especies autóctonas na ribeira do río Umia para recuperar a vexetación fluvial, evitar a proliferación de cianobacterias na auga e reducir o risco de inundacións. Este plan de restauración fluvial estenderase tamén ao río Gallo

Presentación do plan de restauración fluvial dos ríos Umia e Gallo

A Xunta de Galicia plantará unhas 7.000 árbores de especies autóctonas na ribeira do río Umia para recuperar a vexetación fluvial, evitar a proliferación de cianobacterias na auga e reducir o risco de inundacións.

A esta iniciativa, que anunciou este luns a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, en Moraña, o goberno galego destinará case dous millóns de euros.

Vázquez explicou que este plan de restauración fluvial, que se estenderá tamén ao río Gallo, un dos afluentes do Umia, busca contribuír a mellorar a calidade das augas e dos ecosistemas asociados a estes dous leitos fluviais.

As actuacións, que executará a empresa pública Seaga, centraranse en mellorar a calidade do chan con novas plantacións e recuperación de zonas degradadas, mediante a eliminación de especies invasoras.

Tamén se consolidará o bosque de ribeira por ser formacións vexetais con alto valor ecolóxico e ambiental e ser fonte de biodiversidade, incrementando ao mesmo tempo a retención de auga de escorrentía, minimizando a súa achega aos ríos Umia e Gallo.

Dentro dos leitos, nas zonas máis degradadas ou que mostren problemas de erosión, nas que non se poida actuar directamente, será necesario empregar técnicas de bioingeniería.

Retiraranse os obstáculos que impidan o libre discorrer da auga, desde árbores caídas ata madeira morta, pedras ou terras procedentes do colapso de noiros.

A conselleira subliñou que estas intervencións son froito de diferentes estudos realizados pola Xunta, un deles centrado na conca do río Umia e dos seus afluentes para mellorar a súa calidade, que concluíu que a calidade do seu bosque de ribeira "non chega a ser óptima".

Estes bosques, detallou Ethel Vázquez, funcionan como "filtro verde" do río, ao evitar que cheguen ás súas augas elementos derivados da actividade humana que as altera e axudar a evitar desbordamentos, que adoitan ser habituais nesta zona en época de choivas.

Estas intervencións supoñerán actuar sobre 21 quilómetros do río Umia e 14 do río Gallo e serán executadas no marco do plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado polos fondos Next Generation da Unión Europea.