Sete denuncias por violencia de xénero en Pontevedra en tan só 10 días de 2019

Pontevedra
10 de xaneiro 2019

Javier Losada mostra a súa preocupación "polo acordo de darlle ás a  Vox por parte do PP e Cidadáns" e sostén que a lei de violencia de xénero incide na defensa dos dereitos das mulleres e "o que non o entenda así está a lle facer fraco favor á metade da poboación española"

Maica Larriba e Javier Losada na Subdelegación do Goberno en Pontevedra (arquivo) Mónica Patxot

Nos dez primeiros días deste ano 2019 xa se rexistraron en Galicia 21 denuncias por violencia de xénero, sete delas na provincia de Pontevedra, unha cifra que contribúe a reafirma a preocupación do Goberno por esta realidade social e que este xoves levou ao delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a defender a importancia de seguir mantendo a Lei de Violencia de Xénero e defendendo o seu labor

Losada e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, compareceron para facer balance dos sete primeiros meses do Executivo de Predro Sánchez no que afecta á provincia e detívose a analizar a situación da violencia de xénero. "Estamos a falar de temas de importancia", insistiu, e achegou cifras que o confirman: no ano 2018 houbo 5.000 denuncias en Galicia, das cales 1.773 foron na provincia de Pontevedra

Esa preocupación de Losada é, segundo indicou, maior "polo acordo que tomou onte o PP con Vox, polo acordo de darlle ás a Vox por parte do PP e Cidadáns", pois considera que se trata dun problema real e "calquera cousa que se poña en dúbida como o está poñendo o PP dándolle ás a Vox, débenos preocupar como sociedade".

Losada fai unha defensa férrea da actual lexislación porque "as leis son para salvar vidas e a lei de violencia de xénero salvou moitas vítimas" e engade que "non pode haber ningún tipo de relaxo" e, sobre todo, non pode haber ningún tipo de comportamento encamiñado a "trasladar dúbidas acerca de se a lei de violencia de xénero foi favorable". Na súa opinión, "foi moi moi favorable".

En resposta ás posturas de Vox en relación con esta lei, que piden que se derrogue, o delegado do Goberno defende que a violencia de xénero é unha realidade, "non é ningún invento do feminismo radical nin do feminismo supremacista" -termos cos que o partido que lidera Santiago Abascal refírense ao movemento feminista-. 

"É unha problema de dereitos da muller, é un problema de democracia paritaria, é un problema de dereitos fundamentais", argumenta, e engade que a lei de violencia de xénero incide na defensa dos dereitos das mulleres e "o que non o entenda así está a lle facer fraco favor á metade da poboación española"