Sesión vermú, tardeo e local de copas, a nova vida do Club Naval como Sala Zennet

Pontevedra
10 de maio 2024

Carlos Fontán Ruiz e Javier Mori De Soignie reabrirán en agosto este local de 480 metros cadrados. Con "estilo industrial, estética de cemento puído e liñas moi limpas", buscan ser complementarios á oferta de hostalería da cidade e dinamizar a ribeira do río. Funcionará porque "o concepto é diferente" e "en Pontevedra fai falta"

Carlos Fontán e Javier Mori, na terraza do Club Naval Mónica Patxot

Carlos Fontán Ruiz e Javier Mori De Soignie. Son dous coñecidos hostaleiros de Pontevedra, propietarios de Cervexaría Bruc e La Pipa bar e tenda o primeiro e de Ítaca Copas e Artik Club o segundo. E, a partir do próximo verán, serán tamén os responsables dun proxecto novo, a reapertura da primeira planta do Club Naval reconvertida nun local que busca cubrir a oferta de lecer na cidade entre as doce da mañá e ben entrada a madrugada

O local, de 480 metros cadrados, foi nos últimos anos restaurante, cafetería, bar... e, tras unha última experiencia como 'Bizarro', pechou as súas portas hai unhas semanas. Agora, Fontán e Mori colleron o traspaso e están inmersos nas obras necesarias para transformalo e reabrilo o próximo mes de agosto dirixido a un público a partir dos 23.

O novo negocio xa ten nome, Sala Zennet, a medio camiño entre 'cennet, paraíso en turco, e 'cenit', o punto máis alto do sol.

Con "estilo industrial, estética de cemento puído e liñas moi limpas", nel, queren construír o seu propio paraíso do lecer pontevedrés, concibido como complementario á oferta de hostalería que existe noutros puntos da cidade, en especial, do centro histórico, máis enfocado no lecer nocturno e tamén para dinamizar esta zona da cidade, orillamar, pois "que a dez minutos do Concello teñas un porto deportivo, é unha marabilla" e consideran que non está ben explotada nin por parte da iniciativa privada nin das administracións.

Buscan "cubrir un oco" que había na oferta de hostalería da cidade para o vermú, o tardeo, a música en vivo, as copas de última hora e mesmo os eventos privados e tamén expandila máis aló do centro histórico.  "En toda a ribeira do río case non hai locais", apuntan e, con leste, buscan "abrir un pouco a cidade" e converterse en "un balcón encima do río" con vistas privilexiada para tomar unha copa ou un vermú. 

A próxima semana presentarán a petición de licenza no Concello de Pontevedra coa pretensión de ter autorización como sala de festa. A licenza é moi esixente e inclúe requisitos de illamento, insonorización, evacuación e todo tipo de cuestións legais que garantan a seguridade e tamén que non altere a convivencia da zona.

Respecto diso, insisten en que "se nos dan a licenza, é porque cumprimos todos os requisitos". E, se as conceden, si, abrirán en horario nocturno ata as 6.30 horas, pero o seu negocio será integral. A súa intención é ser moito máis e, cada día, durante toda a semana, abrirán xa ás 12.00 horas da mañá para a sesión vermú. 

Durante o día, darán servizo aos socios do Club Naval e tamén aos veciños da zona e a todos os pontevedreses e visitantes que buscan gozar dun vermú, unha cervexa ou calquera outra bebida con vistas á Ría de Pontevedra, a ponte da Barca ou a ponte de As Correntes.

Xa pola tarde, ofrecerán o mesmo, pero moi enfocados no coñecido como 'tardeo', buscando chegar a ese público ao que lle gusta gozar dunha boa copa nun ambiente agradable mentres cae a tarde.  Será o seu prato forte e, para explotalo, xa teñen en mente unha programación de música en vivo e actuacións para dinamizalo. Aproveitan para lanzar un chamamento a persoas dedicadas á programación cultural que poidan colaborar con eles nesa tarefa.

Durante a fin de semana, o servizo aumentará. Abrirán durante o día como o resto da semana, pero tamén, chegada a noite, tamén serán local de copas, con varios espazos, un aberto para bailar e consumo en barra, outro con reservados e un cunha barra 'premium' pensada xa en persoas que busquen copas de maior valor e unha zona na que falar con máis tranquilidade. 

En Pontevedra xa hai moitos locais de copas, eles mesmos veñen dese sector, e non queren ocupar o lugar de ninguén no mercado, senón abrirse o seu propio oco, "complementario" á oferta xa existente, conscientes de que "todos necesitamos que o resto funcione. Se non hai onde acabar, a xente non empeza". 

Este movemento destes dous hostaleiros permítelles sortear as restricións do Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística (Peprica) do centro histórico de Pontevedra e as dificultades actuais para conseguir licenzas para o lecer nocturno na zona antiga da cidade e, ao mesmo tempo, aproveitarse da proximidade desta zona de copas, pois "a zona monumental está a seis minutos andando".

Carlos e Javier chegaron ao Club Naval cunhas intencións moi diferentes. Buscaban un lugar para facer unha festa de San Juan, pero, falando cos antigos responsables, fóronse emocionando e decidiron dar o paso e coller o traspaso. "É o local", aseguran. O local con maiúsculas, co que bucan tamén "captar xente que se vai a outras cidades porque non atopa oferta en Pontevedra". 

Teñen o anterior contrato de 'Bizarro', que lles permite estar no local ata 2033, data na que termina a concesión de Portos de Galicia, e, se se renova a concesión, terán tamén, por contrato, opción a renovación. Encárano pensando nese longo prazo, "optimistas" con que funcionará porque, a diferenza de anteriores negocios que abriron no local, "o concepto é diferente" e "en Pontevedra fai falta".