Na situación actual que estamos a vivir de confinamento para frear a propagación do coronavirus, os maiores son o grupo de máis risco e por iso é necesario redobrar os esforzos no seu coidado e na súa atención.
Así o entende o Concello de Marín que, desde principios desta semana, está a contactar de maneira recorrente con aqueles veciños e veciñas de máis de 80 anos para asegurarse de que se atopan ben.
Este venres, o departamento de Servizos Sociais, dirixido pola concelleira Marián Sanmartín, fixo balance das persoas atendidas desde o inicio das chamadas e en total foron 605 residentes en todo o termo municipal e dos cales o goberno local ten constancia.
Desas máis de 600 persoas, a maioría manifestaron que se atopan ben, e "agradecen a chamada, porque notan que existe preocupación e interese polo seu estado", declarou Sanmartín.
A cifra, que podía ser máis elevada, non é así porque "nalgúns casos, no padrón non figuraba ningún número de teléfono e, noutros, son persoas que xa non residen na vivenda", explicou a concelleira.
Así mesmo, houbo casos nos que foi necesario xestionar algún tipo de axuda coa coordinación de asistenta social e por membros de Protección Civil e, aínda que moitas persoas están atendidas, solicitaron que volvan contactar con elas para saber como levan o confinamento.
MÁIS MATERIAL DE PROTECCIÓN
Doutra banda, a alcaldesa, María Ramallo, informou este venres de que recibiron máis material de prevención por parte da Xunta de Galicia, que se suman ás xa recibidas a mediados de semana. "Agora mesmo, temos todo o material de prevención necesario para dotar ao noso persoal de todas as medidas de seguridade esixidas", explicou.
En total, Marín recibiu 300 máscaras, 1.500 luvas varias unidades de lentes protectoras e 85 EPIs, que se destinarán para a Policía Local, as brigadas de limpeza e o funcionariado público que traballa nos servizos mínimos.