"Sería absurdo pensar que as mulleres só falan do que clasifican como 'temas de mulleres'"

Pontevedra
10 de xuño 2022

Este venres comezou no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra o quinto encontro de mulleres xornalistas "As mulleres que opinan son perigosas" cos testemuños de oito profesionais da información e a opinión.

Inauguración do foro "As mulleres que opinan son perigosas" Diana Eiras

Este venres comezou no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra o quinto encontro de mulleres xornalistas "As mulleres que opinan son perigosas" cos testemuños de oito profesionais da información e a opinión.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde en funcións de Pontevedra, Tino Fernández inauguraron este foro que conducen as xornalistas Diana López Varela e Susana Pedreira que abriu a xornada cunha radiografía da escasa presenza de firmas femininas nos medios de comunicación. Unha situación que pouco cambiou nos últimos anos xa que, a día de hoxe, segundo os datos ofrecidos, as mulleres non representan nin o 20% das opinións nos medios escritos galegos, son minoría nos faladoiros informativos da mañá en radio e as poucas que poden opinar reciben odio e insultos a diario en redes sociais.

Diana López saíu ao paso da manida pregunta "de que opinan as mulleres?" para lembrar que "somos a metade e o que contamos son temas tan universais como dos que falan eles" polo que "sería absurdo pensar que as mulleres só falan do que clasifican como 'temas de mulleres'". 

Pola súa banda, Carmela Silva expresou o seu enfado porque as mulleres "temos que aturar que os medios nos invisibilicen ou que os homes nos conten cousas dos nosos propios corpos. Debates sobre ventres de alugueiro sen mulleres? É intolerable".

Tamén Tino Fernández lamentou que "vivimos nun momento de regresión, onde resulta doadísimo difundir noticias falsas —entre outras— que denigran as mulleres" e como responsable político sinalou que "é a nosa obriga loitar contra esta situación".

A continuación tivo lugar a primeira das intervencións a cargo de Carolina Sertal sobre o xornalismo local na que puxo exemplos de como un mesmo tema pódese tratar de maneiras tan diferentes "non é cuestión de ser muller, senón de perspectiva de xénero. Non nacemos feministas, chegamos a selo".

Seguidamente, María Varela, Inma López Silva e Diana López Varela presentaron "4 anos e 1 pandemia" que é o tempo transcorrido desde a súa participación no primeiro foro de 'Mulleres que opinan', segundo Inma López Silva "nestes 4 anos vivimos unha reacción hostil e violenta que se manifesta na nosa presenza pública. Pasamos de feministas a feminazis" e María Varela apuntou que "hoxe escóitanse cousas que hai catro anos eran impensables e considerabamos debates superados, como a barbaridade de que a violencia de xénero non existe" mentres que Diana López Varela compartiu que "é a primeira vez desde o 2012 en que non me atrevo a falar de todos os temas que se están a debater no feminismo".

Durante esta sesión matutina tamén interveu a xornalista, exeditora e autora de "Fármaco" Almudena Sánchez disertou sobre a depresión e a enfermidade mental explicando que "mi depresión comezó cuando vi que las mujeres somos una parte del mundo, pero no iguales" e tamén explicou como durante a súa educación  "no encontraba referentes femeninos y las niñas los necesitan" para engadir que "me convertí en escritora para alzar mi voz y poder opinar".

Paloma del Río, xornalista deportiva en RTVE, pechou a sesión de mañá cunha charla sobre olimpismo na que falou do papel da muller ao longo da historia do deporte, "que siempre tuvo que luchar contra prejuicios y estigmas" e deixou algúns datos sorprendentes como que "la llegada de la bicicleta hizo más por la emancipación de las mujeres que ninguna otra cosa en el mundo". "Fui y quiero seguir siendo como una gota  malaya, no me cansaré de luchar por la igualdad real en el deporte", concluiu.

As conferencias volverán pola tarde con Estefanía Molina, Joana Bonet, Mamen Mendizábal e Ángeles Caballero. O encontro continuará o sábado coa intervención doutras 9 profesionais, entre elas Mercedes Milá, que pechará esta quinta edición de "As mulleres que opinan son perigosas".