Sergio Villasante, da Esdemga á Mercedes Benz Fashion Week

Pontevedra
06 de abril 2021

A colección 'Zebras in London? Why not?', o traballo fin de máster do graduado na Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga) Sergio Villasante, poderá verse por primeira vez sobre unha pasarela este domingo 11 de abril, na última xornada da Mercedes Benz Fashion Week Madrid

Colección 'Zebras in London? Why not?' de Sergio Villasante Isaac Calpe

A colección 'Zebras in London? Why not?', o traballo fin de máster do graduado na Escola de Deseño e Moda de Galicia (Esdemga) Sergio Villasante, poderá verse por primeira vez sobre unha pasarela este domingo 11 de abril, na última xornada da Mercedes Benz Fashion Week Madrid. O seu proxecto foi un dos oito seleccionados para participar no Allianz Ego, a plataforma para novos deseñadores deste evento internacional, na que tamén presentará as súas creacións outro deseñador formado nas aulas de Esdemga, o exalumno Rubearth.

No caso da colección de Villasante dáse a circunstancia excepcional de que este será o primeiro desfile nunha pasrela con público, xa que a pandemia da Covid-19 impediu que o pasado mes de novembro se celebrase o desfile presencial final do Máster en Deseño e Dirección Creativa en Moda.

"Para min, estar na plataforma de moda máis importante de España é algo moi relevante, porque hai tres meses estaba terminando o máster e que consideren que o teu traballo é de calidade dáche moitos ánimos para seguir", salienta o deseñador nunha entrevista que recolle Eduardo Muñiz para o Diario da Universidade de Vigo (DUVI).

Engade Villasante que formar parte da Allianz Ego "é un logro moi importante para min" xa que compartirá pasarela "con xente que ten máis anos de experiencia e marcas máis establecidas, mentres que eu acabo de rematar o máster". Do mesmo xeito, este titulado na escola de deseño da Universidade de Vigo no campus de Pontevedra valora tamén as posibilidades que o evento outorga á hora de entrar en contacto cos profesionais do sector, a pesares das limitacións ás que obriga a Covid-19 e que levaron a que a Fashion Week reducise ao 24 por cento o seu aforo habitual.

Nese mesmo senso, a directora de Esdemga, Lola Dopico, salienta a elección de Villasante para a pasarela de deseñadores novos "máis importante de España", que se suma ás acadadas en edicións anteriores por outros titulados e tituladas, como un "referendo a que estás traballando nunha formación que valora o sector".

CRÍTICA AO COLONIALISMO

Para a súa participación no Ego, Sergio Villasante tivo que ampliar a quince os nove estilismos que o pasado mes de novembro presentaba diante do tribunal encargado de avaliar 'Zebras in London? Why not?', o seu traballo de fin de mestrado. "Realmente, os looks que fixen a maiores xa estaban na miña cabeza", recoñece dun proxecto que se inspirou na figura do banqueiro, político e zoólogo británico Walter Rothschild.

Mais en concreto, apunta, a súa colección toma como punto de partida un "momento clave e moi humorístico" da traxectoria deste barón inglés, "que trouxo desde África a Londres unhas cebras que amestrou para que tirasen da súa carruaxe". Partindo deste "momento surrealista e moi descontextualizado", Villasante desenvolveu unha colección que afonda en "como o colonialismo afectou á moda de época" en Occidente, indo no seu traballo máis aló do téxtil para reflexionar tamén sobre os efectos do colonialismo na sociedade de finais do século XIX e comezos do XX, a época na que viviu Rothschild, pero tamén no feito de "como este segue estando detrás de moitos problemas políticos e sociais na actualidade".