Sen positivos no cribado de Moraña, ao que só acudiu o 57% da poboación citada

Umia
01 de xuño 2021

O cribado realizábase durante os dous últimos días de maio coa presenza de 682 persoas fronte aos 1.183 cidadáns citados para que acudiran voluntariamente para intentar detectar persoas infectadas asintomáticas que estean a transmitir a enfermidade neste municipio

Cribado en Moraña Concello de Moraña

Durante os cribados covid realizados con PCR durante o domingo 30 e o luns 31 de maio no Concello de Moraña non se detectou ningún caso positivo por esta enfermidade entre as persoas que asistiron a facer ás probas ao Pavillón da localidade.

Esta iniciativa da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés débese ao incremento de casos neste municipio durante a última semana e tratábase de probas voluntarias. O domingo 30 estaban citadas 409 persoas, con idades comprendidas entre 30 e 39 anos, mentres que o luns, en horario de mañá e tarde, foron citadas 774 persoas, en entre 50 e 65 anos.

Do total de 1.183 cidadáns citados, tan só se achegaron a realizar a proba un total de 682, que supón un 57,65% dos convocados. É unha cifra baixa para poder localizar a aquelas persoas que se atopan infectadas e que non amosen síntomas. Estes pacientes que descoñecen a súa situación corren o perigo de transmitir a enfermidade entre persoas achegadas.

Este luns 31 de maio, o número de casos de infección activa diagnosticada no Concello de Moraña situábase en 11 persoas, tres menos que na xornada anterior. O municipio atópase desde o sábado en nivel de restricións alto, decretado polas autoridades sanitarias.