"Sen liñas vermellas" no PSOE para "acadar un acordo de goberno que permita xestionar Pontevedra con estabilidade"

Pontevedra
30 de maio 2019

Os concelleiros do grupo municipal do PSOE celebraron unha primeira reunión de toma de contacto coa finalidade de analizar "unhas eleccións moi positivas e das que o partido saíu moi reforzado"

Iván Puentes, Tino Fernández, Gloria Blanco e Paloma Castro PSOE de Pontevedra

Os catro concelleiros que conformarán o grupo municipal do PSOE durante o vindeiro mandato mantiveron este xoves unha primeira reunión de toma de contacto coa finalidade de analizar os resultados dunhas eleccións "que foron moi positivas e das que o partido saíu realmente reforzado".

Tras o encontro, que tivo lugar no despacho do Teatro Principal, o líder dos socialistas, Tino Fernández, amosou a "boa disposición" da súa agrupación "para sentarse a falar, explorar as vías de colaboración e acadar un acordo de goberno que permita xestionar Pontevedra con estabilidade durante estes catro anos".

O voceiro do PSOE lembra que o diálogo "forma parte do ADN" do seu partido e avanza que "non se establecerán liñas vermellas", coa excepción, "por coherencia política e ideolóxica", dunha: "Non votaremos xamáis a investidura dun alcalde do Partido Popular".

Tanto Fernández como os seus compañeiros do grupo municipal (Gloria Blanco, Iván Puentes e Paloma Castro) cren que, o pasado 26 de maio, "os cidadáns de Pontevedra enviaron a través das urnas unha mensaxe de cambio ben clara e que debería ser escoitada".

Tal e como sinala o número un dos socialistas de Pontevedra, "gran parte dos méritos que a cidadanía lle atribúe en exclusiva a Lores, acadóunos cando concelleiros do PSOE formaban parte da corporación".

"A xente estaría encantada de que nos entendésemos e até o propio BNG admite que a Pontevedra foille mellor cando nós estabamos. A parálise que houbo no último mandato foi evidente", subliña.