Sen días libres na Policía Nacional durante os mundiais de tríatlon para "tener la plantilla al 100%"

Pontevedra
18 de decembro 2018

O Concello de Pontevedra foi escenario este martes dunha Xunta Local de Seguridade centrada no operativo que se poñerá en marcha con motivo do ITU  Multisport Festival de tríatlon, que estiman atraerá preto de 10.000 persoas á cidade do 27 de abril ao 4 de maio de 2019

Reunión da Xunta Local de Seguridade centrada no ITU Multisport Festival de tríatlon Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra foi escenario este martes dunha reunión da Xunta Local de Seguridade centrada no operativo deseñado con motivo do ITU Multisport Festival de tríatlon que acollerá a cidade en 2019.

Trátase dun evento "dunha transcendencia importante", sinalou Miguel Anxo Fernández Lores, que motivará un gran despregamento "en todos os sentidos" como a "seguridade cidadá ou dos circuítos".

A estimación é que Pontevedra reciba entre o 27 de abril e o 4 de maio preto de 10.000 persoas entre deportistas, técnicos, familiares e afeccionados, o que implica a "máxima colaboración por parte dos corpos e forzas de seguridade do Estado", tal e como comprometeu a subdelegada do Goberno, Maica Larriba.

Entre iso, unha das medidas adiantadas tras a reunión corresponde á Policía Nacional, cuxa comisaria provincial, Estíbaliz Palma, asegurou que se tomou a decisión de non conceder días de asuntos propios ou vacacións aos axentes durante esas datas, que inclúen a tradicional ponte de maio, "para tener la plantilla al 100%".

Ademais trasladarán a información recollida na reunión aos mandos do Ministerio do Interior por se consideran oportuno reforzar con máis efectivos os corpos policiais durante a celebración dos campionatos do mundo de tríatlon.

Á reunión celebrada no Concello acudiron entre outros o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores; a subdelegada do Goberno, Maica Larriba; a comisaria provincial, Estíbaliz Palma; o coronel xefe da Comandancia da Garda Civil, Jorge González; e o xefe da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle.