Sen cursos de formación ocupacional en Cuntis tras 17 anos, denuncia o Concello

Umia
09 de xuño 2016

Tras dezasete anos impartindo cursos de formación ocupacional no Centro de Formación Ocupacional A Ran, a Xunta "decidiu deixar sen ningún curso" ao Concello de Cuntis, segundo denuncian desde o goberno municipal

Centro ocupacional de A Ran (Cuntis) Concello de Cuntis

Tras dezasete anos impartindo cursos de formación ocupacional no Centro de Formación Ocupacional A Ran, a Xunta "decidiu deixar sen ningún curso" ao Concello de Cuntis, segundo denuncian desde o goberno municipal.

Así se recolle na programación de cursos de formación ocupacional (Plan AFD) para o ano 2016, publicada na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria, a pesar de que Cuntis solicitou dous: o de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio e o de Docencia da formación profesional para o emprego.

Para xustificar esta decisión, a Xunta alega unha serie de argumentos "que non se comparten nin se entenden" dende o propio Concello, "sorprendendo aínda máis esta decisión cando si se conceden seis cursos de formación ocupacional, entre os que se inclúen os solicitados polo Concello de Cuntis, a outro centro da comarca".

O goberno municipal cre que esta é unha "mala noticia" para moitas persoas desempregadas do concello e poboacións limítrofes, que non poderán facer o curso de Atención sociosanitaria a persoas no domicilio, un curso cunha alta demanda na zona e unha elevada porcentaxe de inserción en empresas que prestan o servizo de axuda a domicilio. 

Ante esta situación o Concello ten previsto presentar ante a Consellería unha solicitude reclamando información concreta sobre os motivos e circunstancias que levaron a decisión de deixar a Cuntis sen cursos de formación ocupacional.

Unha vez examinada esta información, decidiranse as actuacións a realizar.