Sen clientes, só tres hoteis abrirán este luns en Pontevedra

Pontevedra
10 de maio 2020

O problema que se presenta este luns 11 de maio é que continúan prohibidas as viaxes turísticas, os grandes eventos sociais e calquera tipo de desprazamento que non estea debidamente xustificado entre provincias. A falta de viaxeiros, os hoteis quedan sen posibilidade de conseguir clientes

Hotel Rúas Hotel Rúas

O vindeiro luns 11 de maio comeza a fase 1 de desescalada, na que se permitirá que os establecementos hoteleiros retomen a actividade.

Na cidade de Pontevedra, só tres hoteis abrirán as súas portas este luns: Hotel Rúas, Alda Estación Pontevedra, Galicia Palace e Campaniola.

Precisamente, o Galicia Palace foi o único hotel da cidade que permaneceu aberto durante o estado de alarma, aínda que a súa actividade restrinxiuse a aloxar unicamente a persoal de traballos esenciais. Un servizo á sociedade que, como prevían, traduciuse nunha ocupación moi baixa.

O problema que se presenta este luns 11 de maio é que continúan prohibidas as viaxes turísticas, os grandes eventos sociais e calquera tipo de desprazamento que non estea debidamente xustificado entre provincias. A falta de viaxeiros, os hoteis quedan sen posibilidade de conseguir clientes.

Esta situación afecta especialmente ás zonas máis turísticas. Desde o Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo informan de que ningún dos seus asociados vai abrir as súas portas este luns 11 de maio, aínda que non se descarta que poida haber algunha apertura máis adiante, a condición de que se autoricen os desprazamentos entre provincias.

Desde o Hotel Rúas de Pontevedra confirman que para esta primeira semana ningún cliente realizou reservas e que a reapertura será esencialmente para poñer a punto as instalacións despois de case dous meses pechadas. Si teñen reservas para as últimas semanas de maio pero nin de lonxe chegan para cubrir gastos. É máis, tampouco poden asegurar que ao achegarse a data estas poidan ser canceladas.

Outro hotel da cidade, que pediu non revelar o seu nome, tiña previsto abrir este luns pero, con case todo o seu persoal nun ERTE, ante a expectativa de non ter unha soa reserva e a anulación de todos os grupos que xa tiñan contratados ata despois do verán, ven imposible abrir ao público.

A maioría dos hoteis da cidade non retomarán a actividade este próximo luns 11 de maio porque se lles fai absolutamente inviable, "sen clientes nin previsións de ocupación nin reservas é imposible poder planificar nada", laméntase o xerente doutro dos establecementos consultados, que tamén rogou non dar o seu nome.

A situación é límite para os hoteis porque seguen tendo que afrontar uns gastos fixos de mantemento das instalacións, que son inasumibles sen fontes de ingresos. Este empresario non só ve imposible abrir a curto prazo, senón que xa presente todo o ano perdido "porque non van vir nin alemáns, nin franceses, nin portugueses, que son os principais visitantes de Pontevedra e que os seus gobernos xa lles dixeron que non viaxen a España".