Para o mércores quedaron emprazados a Xunta de Galicia, as catro deputacións provinciais e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) despois de que non lograsen chegar a un acordo para aprobar unha liña conxunta de axudas para apoiar aos sectores máis afectados pola crise xerada pola covid-19, fundamentalmente a hostalería.
Tras máis de dúas horas de reunión, as diferentes administracións mantivéronse nos seus posicionamentos iniciais e apenas se produciron avances, segundo transcendeu.
A Xunta de Galicia mantívose firme na súa proposta para que este fondo de colaboración conte cunha achega do 50% do goberno galego e do 30% por parte das deputacións. O 20% restante sairía das arcas dos concellos.
As tres deputacións gobernadas por PSdeG-PSOE e BNG, é dicir Pontevedra, A Coruña e Lugo, apostaban por un modelo no que todas as administracións destinasen o mesmo porcentaxe dos seus respectivos orzamentos. Neste caso, propoñían o 1% das súas contas.
Esta última repartición sería apoiada por gran parte dos concellos galegos, entre eles o de Pontevedra, que se mostrou partidario xa hai unha semana dunha fórmula similar.
O goberno galego, segundo explicou Alfonso Rueda ao remate da reunión, rexeita que haxa discusións por "porcentaxes", ao entender que os hostaleiros o que necesitan é un "acordo rápido" para recibir as axudas canto antes.
A este respecto, Rueda sinalou que a Xunta achegará "si ou si" 50 millóns para este fondo de colaboración, á espera de que as deputacións e os concellos contribúan con outros 20 millóns de euros máis.
Unha vez pactados eses criterios sería a administración autonómica quen xestionaría estas axudas para axilizar a súa repartición entre os afectados.
En nome das deputacións gobernadas por socialistas e nacionalistas falou o deputado pontevedrés Carlos López Font, que defendeu que coa repartición que elas propoñen, o 1% dos seus respectivos orzamentos, habería 116 millóns para o sector en lugar dos 70 que sairían da repartición da Xunta.
Que cada institución realice o mesmo esforzo é "o xusto e a mellor forma de equilibrar", sinalou López Font, que censura que a Xunta esixa que sexan os entes locais os que asuman proporcionalmente un maior esforzo económico.
O presidente da Fegam, o socialista Alberto Varela, tamén defendeu esta repartición proporcional, ao asegurar que é "moi razoable" que todas as administracións "poñamos o mesmo", aínda que recoñece que haberá concellos que teñan "dificultades" para pagar.
E entre uns e outros, está o sector. O presidente do Clúster de Turismo, Césareo Pardal, lembrou que o sector "necesitamos xa" o diñeiro destas axudas "e non en agosto cando teñamos mortos os nosos negocios", polo que urxiu a que se peche un acordo.