'Sempre marzo', un berro en forma de libro e exposición para que "xa nunca máis deba ser 8 de marzo"

Pontevedra
12 de setembro 2019

A entrada do Pazo Provincial de Pontevedra acollerá entre o próximo xoves 19 de setembro e o 7 de novembro a exposición 'Sempre marzo', unha mostra baseada na publicación do mesmo nome que acaba de facer a editorial A Xanela como un berro pola igualdade e un repaso á loita secular das mulleres 

Carmela Silva e Xosé Manuel Calviño presentan 'Sempre Marzo' Deputación Provincial de Pontevedra

A entrada do Pazo Provincial de Pontevedra acollerá entre o próximo xoves 19 de setembro e o 7 de novembro a exposición 'Sempre marzo', unha mostra baseada na publicación do mesmo nome que acaba de facer a editorial A Xanela como un berro pola igualdade e un repaso á loita secular das mulleres e as catro ondas do feminismo, con especial fincapé na masiva mobilización feminista do 8 de marzo de 2018, repetida un ano despois. 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o director da editorial A Xanela, Xosé Manuel Calviño, presentaron este xoves tanto o libro como a exposición, que se inaugurará o xoves 19 ás 20.30 horas cun recital poético a cargo de María Xosé Queizán, Yolanda Castaño e Miriam Ferradáns, tres das poetisas con obras nesta publicación colectiva que inclúe traballos de 33 artistas. 

Carmela Silva fixo súas as palabras de Yolanda Castaño, coordinadora da publicación, ao subliñar que a loita das mulleres e do feminismo continuará "ata que algún día non teñamos que facer un 8 de marzo reivindicativo". De feito, o lema da publicación é "para que xa nunca máis deba ser 8 de marzo debe ser 8 de marzo cada día de cada mes".

"Ata que a última agresión se borre, a última suspicacia se difumine, e unha horizontalidade ampla e clara coma un papel nos harmonice, no noso almanaque ha de ser marzo cada mes", recolle o limiar de Yolanda Castaño, que Carmela Silva citou este xoves ao tempo que destacou que nas 208 páxinas desta obra colectiva está "o mellor da cultura galega".

A exposición permitirá gozar dunha selección das obras dos 33 artistas participantes neste proxecto, dos que 21 son creadores dalgunha disciplina como a pintura, a escultura ou a serigrafía (17 mulleres e 4 homes) e 12 son poetisas. Todas as obras foron realizadas ex profeso para este traball, tan só se realizaron 155 exemplares e cada un deles está acreditado cunha acta notarial que confirma a súa orixinalidade. 

O libro, de tapas de madeira, contén 72 poemas e reprodución fotográfica dunha escultura, 32 cadros e un abecedario. A publicación preséntase nun estoxo a modo expositor de madeira con cristal antirreflexos no que se inclúen 12 serigrafías orixinais asinadas polas autoras, 12 poemas manuscritos e gravados a ferro e unha placa de aceiro manuscrito co título da obra. 

A presidenta da Deputación subliñou que o libro é  o seu formato son "unha obra de arte en si" e comprometeuse a que esta exposición acade a popularidade que cousas que son xoias deben acadar. A mostra permitirá ver o propio libro.

Xosé Manuel Calviño insistiu en que esta publicación busca converterse nun "berro pola igualdade" no que usan para a súa reivindicación "as armas máis potentes: a palabra e o arte" e agradeceu a implicación da Deputación neste proxecto no que os seus promotores buscan chegar as emocións porque "son as que de verdade sellan as razóns". Ademais, destacou que "os homes temos unha débeda histórica coas mulleres que temos que saldar". 

As propostas artísticas que inclúe 'Sempre Marzo' pertencen a Ángeles Jorreto, Carmen Hermo, Chelo Rodríguez, Ehlaba Carballo, Irene Silva Xiráldez, Isabel Pintado, José María Barreiro, Leandro Lamas, Lucía López, María Xosé Leira, María Manuela, María Xesús Díaz, Novais, Ramón Astray, Rut Martínez, Sabela Arias Castro, Sabela Baña, Soledad Penalta (coa reprodución da súa escultura), Vanessa Lodeiro, Viki Rivadulla e Xosé Vizoso.  Os poemas son de María Xosé Queizán, Helena Villar Janeiro, Marilar Aleixandre, Pilar Pallarés, Eva Veiga, Olga Novo, María do Cebreiro, Yolanda Castaño, Emma Pedreira, María Lado, Miriam Ferradáns e Rosalía Fernández Rial. Cada poema iníciase cunha capitular do abecedario creado pola artista Ehlaba Carballo.