A Semana Galega de Filosofía tratará o desacougo social nihilista desde o pensamento crítico

Pontevedra
25 de marzo 2025

Do 21 ao 25 de abril, o Teatro Principal de Pontevedra acolle conferencias matinais, vespertinas e nocturnas con quince relatores internacionais que analizarán a crise de valores e proporán alternativas de esperanza

Presentación da Semana Galega de Filosofía 2025
Presentación da Semana Galega de Filosofía 2025 PontevedraViva

XLI Semana Galega de Filosofía, organizada polo Aula Castelao de Filosofía, centrarase este ano no binomio "Filosofía e Nihilismo", unha reflexión urxente ante o clima de "desacougo, desánimo e desesperanza" que marca a sociedade actual, segundo apuntaba Alexandre Cendón, presidene do colectivo organizador, que presentaba esta edición acompañado pola tesoureira Eva Mouriño, por Paula Fernández Bañuelos e por Ana Area.

Co lema de Manuel Sacristán "hai que pintar o encerado do presente para que resalte o xiz branco da esperanza", o evento propón combater a deriva individualista e os discursos reaccionarios con voces como as da brasileira Márcia Tiburi, o arxentino Néstor Boris Kohan ou a mozambicana Paulina Chiziane.

As mañás (10:30–13:30) abordarán o nihilismo desde a teoría crítica, con ponentes como Kohan, que analizará as metafísicas "post" e a dialéctica histórica, ou Laura Llevadot (UB), que presentará unha "teoría non depresiva da depresión" no capitalismo neoliberal. Márcia Tiburi, exiliada durante o goberno de Bolsonaro, tratará a mutuación que existe do tráxico ao cómico no espazo político como ferramenta do fascismo.

Polas tardes (17:00–19:00), o foco virará cara a Galicia e causas globais: dende a ponencia do palestino Sami Ashour sobre a guerra en Gaza ata a intervención da lingüista Mª Pilar García Negro pola defensa do galego, pasando pola poeta Marta Dacosta e a teórica Daniela Ferrández, que abordará as identidades trans como "chivo expiatorio" da dereita reaccionaria.

As noites (20:00–22:00) profundizarán nas patoloxías sociais, desde a medicalización do malestar (coa antropóloga Nuria Romo) ata a "resurrección de Deus" como símbolo reaccionario, coa filósofa Ayme Román. Paulina Chiziane pechará o evento cunha reflexión sobre a colonialidade e o patriarcado.

O presidente do Aula, Alexandre Cendón, destacou a vocación práctica desta edición: "Queremos combater a falta de valores comúns e amosar camiños fronte ao nihilismo".

Coa cor negra do tríptico, alusión á lámina de Castelao sobre o caciquismo, a programación inclúe a ecoloxía (Brais González), o feminismo e a saúde mental.

Todas as sesións serán no Teatro Principal de Pontevedra, con acceso libre. A organización aínda non confirmou se as intervencións serán transmitidas online en directo.

A Semana Galega de Filosofía tratará o nihilismo
A Semana Galega de Filosofía tratará o nihilismoPontevedraViva

PROGRAMA COMPLETO

As sesións matinais abordarán o nihilismo desde diferentes perspectivas filosóficas e políticas:

  • Luns 21Néstor Boris Kohan (Universidade de Bos Aires), especialista en Marxismo e teoría crítica, falará sobre "Nihilismo, metafísicas 'post' e dialéctica histórica", ofrecendo unha visión non eurocéntrica da crise actual.

  • Martes 22Luís G. Soto (USC), autor de "Camiño dos faros", explorará as relacións entre teoloxía, metafísica e deontoloxía nunha charla titulada "Senda/Mar/Eira: Teo-, Me- e De-ontoloxía".

  • Mércores 23José María Hernández Losada (UNED) analizará o poder dos "Tecno-imperialismos" e o seu impacto na configuración xeopolítica global.

  • Xoves 24Márcia Tiburi, filósofa brasileira exiliada durante o goberno de Bolsonaro, abordará o "Ridículo político" e a súa utilización como ferramenta de ascenso do fascismo.

  • Venres 25Laura Llevadot (UB) presentará unha "Teoría non depresiva da depresión", cuestionando a patoloxización do malestar no neoliberalismo.

Tardes (17:00–19:00): Realidade galega e conflitos globais

Neste bloque, a filosofía conectarase con problemáticas actuais desde unha perspectiva galega:

  • Luns 21Brais González Arribas (UVigo) falará sobre "Ontoecoloxía relacional e nihilismo", reflexionando sobre o coidado e a crise ecolóxica.

  • Martes 22Sami Ashour, presidente da Comunidade Palestina en Galicia, exporá a situación en Gaza dende a perspectiva da solidariedade.

  • Mércores 23Mª Pilar García Negro (UDC) defenderá "O valor da lingua galega" nun contexto de retroceso no seu uso social, principalmente entre a mocidade

  • Xoves 24: A poeta Marta Dacosta chamará a "Berrar ben alto" contra o patriarcado e a perda de memoria histórica.

  • Venres 25Daniela Ferrández, escritora e teórica queer, analizará as identidades trans como obxecto de disputa política.

Noites (20:00–22:00): Tempos de nihilismo

As últimas sesións das xornadas terán un carácter máis divulgativo e destinadas a todo tipo de público:

  • Luns 21Laura Martín López-Andrade, psiquiatra, cuestionará a medicalización do sufrimento psíquico.

  • Martes 22Leo Espluga debaterá sobre "Do Ecce Homo ao Ecce Corpus", explorando os límites da linguaxe e o corpo.

  • Mércores 23Ayme Román, filósofa e youtuber, analizará a deriva reaccionaria baixo o título "Se Deus morreu, hai que resucitalo".

  • Xoves 24Nuria Romo Avilés, antropóloga, falará do abuso de hipnosedantes e a súa relación co xénero.

  • Venres 25Paulina Chiziane, a primeira muller que escribiu unha novela en Mozambique, pechará o evento cunha reflexión sobre tradición e modernidade desde unha perspectiva feminista.